A CIG denunciou publicamente este venres a situación na que se atopan os tripulantes do arrastreiro ‘Venturer’, con base no Porto de Vigo, que permanecen confinados no Brasil tras detectarse un gromo de covid a bordo. Dende a central reclámanlle aos Gobernos español e galego que actúen de inmediato para garantir unha atención axeitada aos afectados e que se informe ás familias do seu estado.
Segundo explica o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi, a embarcación partiu do porto de Vigo o pasado 14 de xaneiro con 64 persoas a bordo para faenar no caladoiro das Malvinas tras facer as pertinentes probas de detección do coronavirus e pasar unha semana de corentena dun hotel da cidade. De feito, algúns dos tripulantes tiveron que quedar en terra tras dar positivo.
Arredor de 10 días despois varios dos embarcados comezaron a sentirse mal e a presentar síntomas compatíbeis coa Covid-19, polo que o capitán do buque púxose en contacto co centro radiomédico de Madrid. “Como a situación empeoraba trasladáronse a Salvador de Bahía, a onde chegaron a madrugada do 28 de xaneiro, e alí permanecen fondeados sen poder desembarcar, agás cinco dos tripulantes, que foron internados en centros hospitalarios con distinta gravidade”, sinala Aboi. Porque durante a travesía até a localidade brasileira a situación foi indo a peor, até o punto de que a metade da tripulación presenta síntomas.
Diante disto, o responsábel sindical pregúntase como é posible que até o de agora ningunha autoridade do Estado español nin da Xunta se interesase polos tripulantes. Ademais, os afectados e as súas familias tiveron que agardar até o día de hoxe para que Puerta Prado, o grupo empresarial galego ao que pertence a embarcación, se puxese en contacto con eles. “O único que se sabía era porque algúns dos tripulantes puideron contactar cos seus achegados”.
Segundo Aboi, o normal tería sido que a empresa contactase coas Administracións para prestarlles a axuda consular necesaria. “Foron as propias familias as que tiveron que poñerse en contacto co consulado, aínda que non temos constancia de que subiran a bordo para coñecer de primeira man a situación; o que si sabemos é que contactaron cos hospitais”.
Diante disto, dende a CIG esíxenlle aos Gobernos español e galego “que se poñan mans á obra dunha vez” para saber o que está a acontecer con estas persoas, ao tempo que instan a empresa “a deixar de ocultar información e a poñerse en contacto cos tripulantes e coas súas familias”. Neste senso, a central sindical xa se dirixiu ás Administracións española e galega para reclamarlles unha actuación inmediata neste sentido. “Son cidadáns galegos e merecen a atención dos seus Gobernos”.
Finalmente, lamentan a incerteza e a preocupación que están a vivir as familias dos afectados como consecuencia da falta de dilixencia da empresa e das Administracións implicadas e urxen os Gobernos español e galego a negociar coas autoridades brasileiras a posibilidade de que os afectados reciban en terra a atención sanitaria que precisen.