A Xunta de Galicia iniciou este mércores a vacinación fronte á Covid-19 ao persoal que traballa en primeira liña no ámbito sanitario; isto é, o que ten un maior risco de exposición por levar a cabo actividades de atención directa de pacientes con coronavirus, así como por presentar maior probabilidade de ter contacto cunha persoa con infección. Nesta primeira fase, ata o próximo luns, vanse vacinar a un total de 4.000 traballadores da área sanitaria de Vigo.
Este mércores xa están citados 1.291 traballadores de todas as categorías profesionais, sanitarios e non sanitarios, dos que 721 traballan no ámbito hospitalario e 570 en Atención Primaria. En concreto, estase a vacinar aos servizos de Atención Primaria de Ponteareas (que inclúe ao persoal dos centros de saúde de Ponteareas, Mondariz, As Neves, e Salvaterra); A Cañiza (Cañiza, Crecente e Arbo); centro de saúde de Coia; rúa Cuba (Cuba e Taboada Leal); Nicolás Peña (Nicolás Peña e Pintor Colmeiro), Rosalía de Castro-Beiramar; e Sárdoma (Sárdoma, Bembrive e Matamá).
No ámbito hospitalario o persoal dos servizos de primeira liña que se está a vacinar é o que traballa nas Unidades de Críticos como UCI e Reanimación, Urxencias, Hospitalización a Domicilio, Hospital de Día, Oncoloxía, Hematoloxía, así como persoal de distintos gabinetes de técnicas e Unidades de Hospitalización.
Para isto, a dirección de área sanitaria viguesa formou 13 equipos de enfermaría, compostos por dous profesionais cada un deles, destinados á vacinación. Seis deses equipos achegaranse aos servizos de Atención Primaria e outros sete están emprazados no hospital Álvaro Cunqueiro.