O grupo municipal da Marea de Vigo acusou este lunes a Vitrasa de importarlle “ben pouco” a saúde dos seus viaxeiros e pediu “multas exemplares” para a empresa polos “incumprimentos” e a “inacción” que, segundo consideran, está a amosar a concesionaria do transporte urbano da cidade en materia de seguridade sanitaria.
O voceiro da formación, Rubén Pérez, criticou á compañía por “non actuar con responsabilidade” no relativo ao aforo autorizado no interior dos autobuses. Ademais, esixe máis frecuencias e horarios “máis axeitados” ante a situación causada pola Covid-19.
Despois de que a Xunta de Galicia, autoridade competente neste eido, instara ao Concello de Vigo a completar inspeccións nos autocares, Marea de Vigo di comprobar que este é “un capítulo máis” do “esperpento” que están a protagonizar tanto a administración autonómica coma a local no referente ao control da seguridade no Vitrasa.
“Independentemente de que poidamos entender que o Concello de Vigo teña que facer esas revisións, a norma autonómica resulta absolutamente inxustificable, xa que permite que se sigan usando o cen por cen das prazas sentadas nos buses, limitando o aforo unicamente ás persoas que van de pé”, expón Rubén Pérez.
Marea de Vigo constata que “se están facendo inspeccións por parte da Policía Local” e pide que tamén limiten as prazas sentadas para que os viaxeiros poidan gardar a distancia de seguridade. Para o grupo municipal, Vitrasa “non quixo actuar de xeito responsable, permitindo un total descontrol en varias frecuencias e horarios” polo que “semella que á empresa impórtalle ben pouco a saúde e a seguridade da veciñanza viguesa”.
Sobre este tema tamén se pronunciou nas últimas horas o grupo municipal do PP. O seu voceiro, Alfonso Marnotes, denunciou que os buses “seguen cheos en hora punta y segue a superarse o aforo”. Por iso, esixiu ao alcalde de Vigo que publique os datos diarios de ocupación de todas as liñas.
Marnotes pediu a Abel Caballero que sexa “transparente” e “non oculte información” nin “os incumprimentos da empresa”. O representante ‘popular’ foi máis aló e sostivo que o rexedor “nega que haxa problema ningún e acusa aos viaxeiros de trucar as fotografías” que percorren as redes sociais. “Está en xogo a saúde dos cidadáns, non pode mentirlles”, finalizou.