O grupo municipal da Marea de Vigo pediu este luns ao Goberno local que destine 15 millóns de euros dos remanentes que pode utilizar a partir de agora a subvencións para o comercio local e a hostalería. A formación anunciou que prepara emendas á modificación orzamentaria do remanente prevista para a súa aprobación o vindeiro 12 de novembro.
A súa proposta pasa por outorgar ao tecido cultural da cidade, ao pequeno comercio e á hostalaría acaparen polo menos 15 dos 33 millóns de euros dispoñibles, en consonancia coa solicitude xa presentada por parte da Marea de Vigo ao Goberno local durante a pandemia.
Para o grupo municipal, segue sendo “necesario” empregar de xeito urxente estes recursos. “O feito de que o Concello de Vigo actúe con celeridade é positivo; pero obviamente as prioridades de gasto anunciadas non son prioritarias nesta situación que a cidade está a vivir co incremento dos casos e das consecuencias económicas derivadas do virus da Covid-19”, explica Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo.
O partido pactará co tecido social da cidade as emendas a presentar, nas que incluirá as mesmas cuestións sobre as que xa dera traslado en forma de proposta ao Pleno da Corporación Municipal de hai varios meses. Por unha banda, a aprobación dun plan de reconstrución económica que tome como referencia o superávit do 2019, os remanentes de tesourería e as modificacións necesarias do actual orzamento municipal.
Segundo a Marea de Vigo, a prioridade dos recursos debería ser, primeiramente, un plan de axudas ao comercio e hostalería local, un programa que complete ao catálogo de servizos sociais da cidade con aumentos das axudas de emerxencia (cando menos duplicar o importe actual) e políticas de vivenda en forma de parque municipal de vivenda de emerxencia. “Para estes desempeños o Concello debería dedicar cando menos 20 millóns de euros como propuxemos no pleno do pasado mes de abril”, engade Pérez.
Por outra banda, a formación considera que “urxe” implantar un programa de inxección económica directa ao tecido cultural da cidade -segundo o IGE en Vigo hai 190 empresas culturais das que 113 son persoas físicas, 46 sociedades limitadas e varias cooperativas e outras formulacións legais- que evite os erros de pretender que produzan gratuitamente durante o confinamento ou a moratoria de apertura de teatros, centros culturais, locais de música, etc…que temos visto nestes días.
Dito programa contaría xa con máis de 300.000 euros do asignado a O Marisquiño, parte substancial do que non poida ser executado do programa de festas de Vigo polas limitacións de aforo e as cancelacións de artistas internacionais. “Un programa que coloque a cultura de Vigo como a primeira cidade cultural de Galicia e que recoñeza o carácter profesional da produción artística e cultural”, sinalan.
A terceira prioridade serían as obras, humanizacións ou actuacións necesarias nas que este grupo municipal non poñería obxección “sempre e cando teñamos arranxadas as necesidades orzamentarias máis urxentes”, conclúe Rubén Pérez.