O grupo municipal da Marea de Vigo trasladou este martes ao Goberno de Abel Caballero diferentes propostas para revitalizar o comercio local, a hostalaría e o sector servizos unha vez que poidan retomar a súa actividade. A formación pide mobilizar 10 millóns de euros, que sairían de modificacións do actual orzamento de 2020 (cinco millóns) e de liberar recursos propios do superávit de 2019 (cinco millóns).
Marea de Vigo propón axudas de 1.000 euros por negocio e complementos por traballador, así como axudas á cobertura dos custes empresariais. “Queremos poñer exactamente o foco na procedencia dos recursos necesarios sen colocar ao Concello de Vigo nunha situación económica delicada”, indica Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal.
“As persoas autónomas, o pequeno comercio, a hostalaría e o sector servizos empregan a miles de persoas na nosa cidade. Falamos de máis de 18.000 persoas en réxime de autónomos e miles de empregos directos e indirectos que, de non dinamizarse despois do levantamento do estado de alarma, poden cronificar os efectos dunha crise económica da que aínda estabamos saíndo e lastrada dende 2008”, sinala o portavoz.
A proposta do espazo municipalista céntrase en tres eixos: bonificar e establecer exencións en impostos e taxas municipais, unha forte campaña de promoción do comercio local e reorientar partidas do orzamento actual do Concello de Vigo que previsiblemente terán pouca ou nula execución.
Eses cambios no presuposto sairían de reducir o gasto en luces de Nadal, dos concertos de Castrelos, da reforma de Balaídos e de suprimir totalmente as subvencións a liñas aéreas en Peinador.
Marea de Vigo tamén propón exención do lixo industrial durante o período de alarma e con posibilidade de ampliación ata decembro de non mellorar a situación económica, aproveitando a rebaixa do canon de Sogama que vai ser efectiva en 2020 e que ten que repercutir no contribuínte. A formación tamén pon sobre a mesa a posibilidade de cobrar por urxencia por consumo real o auga e saneamento ata decembro de 2020. “É unha proposta realista xa que somos conscientes de que ata ter unha nova concesión non poderemos xeneralizar este mecanismo de consumo real, mais agora si que podemos establecer a excepcionalidade da medida de emerxencia”, matiza Rubén Pérez.
Marea de Vigo pide tamén no seu documento o artellamento de políticas ambiciosas de fomento da compra no comercio local, mediante campañas de sensibilización contra o impacto que plataformas de compra online e con actuacións municipais directas para fomentar a actividade económica de proximidade.