O Servizo SmartPeme da Deputación de Pontevedra vén de sumarse á comunidade ‘maker’, ás persoas que desde o emprendemento están a crear solucións de emerxencia cara á crise sanitaria, e puxo en marcha ‘Covid Makers SmartPeme’. Trátase dunha plataforma de apoio ás mulleres e homes que nas últimas semanas está esforzándose na impresión de material preciso para combater o COVID-19, consistente na difusión dos diferentes proxectos en marcha e na prestación de asesoramento para a realización de material sanitario e preventivo.
A raíz da situación excepcional que estamos vivindo e ante a necesidade de conseguir o maior número de equipos de protección posible para o persoal de servizos esenciais, están xurdindo unha multitude de iniciativas para prestar apoio na fabricación do material. Persoal sanitario, do mundo do deseño, a arquitectura, a enxeñería e as TIC están traballando en proxectos colaborativos para avanzar na creación de respiradores, máscaras protectoras e todo o material necesario que se poida realizar mediante a impresión 3D. Moitas empresas e entidades puxeron as súas máquinas a disposición das autoridades e a comunidade ‘maker’ non dubidou en sumarse desenvolvendo equipos como máscaras ou pantallas protectoras para contribuír a paliar a falta de material. Cómpre salientar a plataforma ‘Coronavirus Makers’, cunhas 10.000 persoas participantes a nivel nacional e máis de 1.300 galegas, unha comunidade aberta e sen ánimo de lucro centrada na impresión de máscaras de protección.
Con esta plataforma telemática, SmartPeme xa está difundir na súa ‘newsletter’, á que están subscritas máis de 5.000 persoas, enlaces a diferentes iniciativas como empresas privadas que proporcionan material, modelos e recollida das pezas fabricadas, plataformas ‘open source’ con modelos para impresión e comunidades ‘makers’ galegas con iniciativas en marcha. Do mesmo xeito, tamén publica nas súas redes sociais o material creado polas empresas do servizo para xerar sinerxias, a doazón de material, subministro do material fabricado e noticias relacionadas. A través deste modelo de difusión SmartPeme quere chegar ao máximo de persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa.
Por outra banda, o asesor do Centro Provincial de Economía Dixital, CPED, está á disposición de todas e todos os ‘makers’ da provincia para calquera consulta relacionada coa fabricación de equipos de protección sanitarios. Resólvense dúbidas, por exemplo, sobre as diferentes iniciativas postas en marcha, a descarga de arquivos, a laminación das pezas ou cos problemas de impresión que poidan xurdir. O asesor axudará así a desenvolver estes produtos a fin de conseguir o maior material posible para a protección do persoal sanitario da provincia de Pontevedra. Quen o desexe pode poñerse en contacto a través do correo electrónico barromeis.smartpeme@depo.es, o teléfono 886 202 020 ou ferramentas de videochamada.
O CPED presta de xeito habitual asesoramento especializado e capacitación en tecnoloxías avanzadas, ente as que destacan o modelado e a impresión 3D, da que se impartiron varios itinerarios formativos con máis de 60 horas de aprendizaxe sobre fabricación dixital.