O Concello de Nigrán iniciará este mércores 13 de maio o reparto de máscaras homologadas para toda a poboación do municipio tras investir 16.100 euros na compra de 22.000 unidades (o padrón reflexa algo menos de 18.000 veciños). Co obxectivo de que esta entrega sexa o máis eficiente e rápida posible e que non quede ninguén fora, o equipo de goberno contará coa colaboración de Protección Civil para os núcleos urbanos de A Ramallosa, Panxón e Nigrán e coas entidades veciñais ou culturais para chegar porta a porta a cada domicilio das parroquias.
Así, Protección Civil habilitará tres puntos de entrega de 10:00 a 12:00 horas para os residentes exclusivamente nos núcleos urbanos de Nigrán (Praza do Concello), Panxón (Pavillón de Deportes) e Alameda de San Campio (A Ramallosa). Cinco voluntarios, acompañados de membros do Goberno local, realizarán este reparto que se cingue só aos habitantes dos edificios destas zonas. No caso das parroquias, serán as entidades veciñais e concelleiros os que desde este mércores irán porta a porta a entregar máscaras.
Así, en Chandebrito colaboran a A.V. O Castro e a Comunidade de Montes; en Camos a A.V. A Camoesa e o Centro Cultural; en Priegue a A.V. A Irmandade; en San Pedro a A.V. A Unión e a Asociación Cultural Vencellos de Vilariño; no extrarradio de Panxón, a A.V.Monteferro; no núcleo non urbano de Nigrán o Club Bolos do Ceán; e, en Parada, serán os propios concelleiros.
«Invitamos a colaborar a todas as entidades de Nigrán, algunhas están nunha situación precaria de medios humanos e non poden colaborar pero todas amosaron a súa boa vontade. Elas son as que coñecen mellor a realidade de cada fogar, polo que son fundamentais para facer un reparto xusto e que non deixe a ninguén fora», incide o alcalde, Juan González, quen subliña que as carpas de Protección Civil son só para os residentes dos núcleos urbanos. «Pedimos que non se acheguen a estes puntos de Protección Civil os veciños do extrarradio ou outras parroquias porque a eles xa se lle entregarán directamente na súa casa, debemos actuar con solidariedade e civismo respectando estas directrices co fin de que cheguen as máscaras a todos», incide González.
«A primeira remesa que recibimos das adquiridas polo Concello as distribuímos entre os comerciantes para que puidesen abrir os seus negocios en condicións de máxima seguridade. E ao inicio desta crise, cando escaseaban as máscaras, estivemos repartindo as que conseguíamos entre os colectivos máis expostos ao Covid-19 e os que traballaban cos sectores máis vulnerables, como residencias de anciáns, coidadoras a domicilio, centros de saúde, taxistas, tendas de alimentación… esta adquisición masiva non foi sinxela pero ao fin están aquí para distribuír entre toda a poboación», conclúe González.