O Bloque Nacionalista Galego lamentou as «graves eivas organizativas e loxísticas» rexistradas novamente durante esta fin de semana no acceso ao dispositivo de vacinación contra a Covid-19 no Ifevi. A fronte nacionalista reitera o chamado a que Xunta e Concello cooperen para resolver estas incidencias que se suceden no tempo e provocan un importante malestar entre a veciñanza.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de «caos absoluto» a organización dos accesos ao recinto do Ifevi no que se desenvolve o proceso desta vacinación. Igrexas, fíxose eco, das queixas cidadás polas incidencias rexistradas durante a fin de semana. «Non falamos só de retencións quilométricas para chegar en coche ao Ifevi, senón tamén de esperas longas, por máis dunha hora, no exterior do recinto á choiva ou ao sol», denunciou.
O portavoz municipal nacionalista considerou «inxustificábel» que estas situacións continúen a producirse e envolvan unha cuestión tan importante como o acceso á vacinación contra o coronavirus.»A eficiencia do dispositivo sanitario no interior contrasta, moito, co caos absoluto que se vive para chegar a el», acrecentou.
Desde o Bloque reiteran o chamando a Xunta, como responsábel do operativo de vacinación, e ao Concello de Vigo a cooperaren para procurar unha solución organizativa. «Xunta e Concello non poden continuar tirándose a pelota ao outro, nese pimpampum inútil. Teñen que sentar, coordinar e acordar solucións para corrixir dunha vez estas deficiencias», reclaman.