O hospital Álvaro Cunqueiro está a empregar novos sistemas tecnolóxicos co obxectivo de estender a monitorización ás unidades con pacientes hospitalizados con Covid-19 e mellorar aínda máis o seu control e condicións de bioseguridade.
Neste senso, nos últimos días desenvolvéronse dúas actuacións: a extensión do sistema de monitorización ás Unidades de Coidados Intermedios e o inicio do programa piloto ‘Habitación Intelixente’, no marco do proxecto Innovasáude e Hospital 2050.
Con respecto ás Unidades de Coidados Intermedios, foi necesario acometer unha reorganización da atención prestada nas mesmas. Ata agora, estas unidades ían dirixidas ao ingreso de pacientes de cardioloxía, pneumoloxía ou neuroloxía que necesitaban uns requirimentos de coidados distintos aos prestados na hospitalización convencional. Agora, reorientaron a súa actividade á atención dos pacientes con esas patoloxías pero que, ademais, son positivos ou sospeitosos de padecer COVID-19.
Segundo explica a directora de Enfermaría da área sanitaria de Vigo, Pilar Reza, “trátase de ir adaptándonos á nova realidade xerada pola pandemia, reordenando as diferentes Unidades de Coidados Intermedios, que están a medio camiño entre a hospitalización convencional e as de Coidados Críticos, e asignando aos pacientes independentemente da patoloxía que presenten. Agora debemos dispoñer de Unidades de Coidados Intermedios para pacientes Covid positivo, sospeita de Covid e Covid negativos. Os pacientes illados nestas unidades non son críticos, pero necesitan uns requirimentos de coidados máis específicos, polo que o novo sistema de monitorización ou telemetría permítenos un control automatizado, continuado e permanente destes pacientes”
Este sistema informático posibilita o envío das constantes vitais da persoa ingresada desde a cabeceira da súa cama ata o Control de enfermaría a través duns dispositivos de recollida automática dos principais parámetros fisiolóxicos como son a actividade eléctrica cardíaca, a saturación de osíxeno, pulsacións e presión arterial.
Deste xeito, os profesionais sanitarios poden seguir no monitor a evolución das constantes vitais do paciente, sen necesidade de acudir á habitación, cunha fiabilidade absoluta e inmediatez. Ademais, queda rexistrada a serie histórica destes datos, o que facilita os estudos clínicos comparativos por parte dos profesionais e as conseguintes decisións terapéuticas.
O sistema leva incorporadas unha serie de alarmas que se activan no momento en que algunhas das constantes do paciente experimentan variación, de xeito que os profesionais achéganse inmediatamente á habitación do paciente para comprobar a incidencia rexistrada.
Colaboración do paciente
Neste contexto, ven de iniciarse tamén o programa piloto da ‘Habitación intelixente”’no marco de proxecto Innovasáude e Hospital 2050, que estase a testar nunha ducia de habitacións da Unidade de Hospitalización de pacientes con este coronavirus.
Así, habilitáronse cámaras wifi en 12 cuartos, que envían a información do paciente ao Control de enfermaría. “O feito diferencial que aporta este novo sistema é que necesita da implicación do paciente, que debe colaborar e formar parte no seu proceso de coidados, o que nos posibilita potenciar a súa autonomía e os autocoidados da enfermaría”, explica Pilar Reza.
Por isto, só é operativo naqueles pacientes cunhas condicións clínicas favorables para que poidan colaborar. É dicir, deben ser autónomos nos seus movementos, xa que son eles mesmos os que deben colocarse os aparellos de medida -nos intervalos temporais concretos acordados co persoal de enfermaría-para que logo o sistema transmita os resultados.
Datos incorporados á historia clínica
A posta en marcha desta iniciativa reduce, ademais, os accesos do persoal sanitario á habitación do paciente, o que proporciona máis seguridade para o profesional e menos molestias para o enfermo.
Tamén presenta a vantaxe de que os datos das constantes vitais que se recollen incorpóranse automaticamente ao Iannus (historia clínica electrónica do paciente). Evítase así que o persoal sanitario entre na habitación, tome as medidas e as anote para posteriormente introducilas no sistema informático. Isto é, redúcense as entradas e saídas da habitación do persoal portando obxectos que potencialmente puideran contaminarse.
Solución informática
Cada unha das camas conta cun monitor ou pequeno dispositivo (un concentrador de IP), situado no cabeceiro, que obtén e envía os datos. Para iso, o monitor conectado mediante cable de rede envía os datos de electrocardiógrafo, pulsioxímetro e un tensiómetro ou unha telemetría cardiolóxica mediante un concentrador, e os dispositivo transmite as medicións a través da rede informática do hospital ata o Control de enfermaría.
En definitiva, con este sistema mellóranse os circuítos e procesos hospitalarios, así como a seguridade no rexistro da información. Ademais crea un escenario de automatización e integración da toma de constantes de pacientes de maneira centralizada e automática, compatible cos estándares de comunicación médico-sanitarios, aberto a varios dispositivos de tomas de medidas e transparente ao persoal sanitario.
“Esta monitorización mellora as condicións de bioprotección requeridas nesas circunstancias de illamento hospitalario, incrementando aínda máis os niveis de seguridade destes pacientes e os do propio persoal que os atende, e posibilitando por tanto unha maior eficacia nos coidados sanitarios prestados”.