Ante o incremento da demanda das probas PCR experimentado nas últimas semanas, a área sanitaria de Vigo adoptou a decisión de habilitar un novo ‘Punto Covid-Auto’ no Álvaro Cunqueiro e reforzar así ao do Hospital do Meixoeiro. Este novo dispositivo para realizar a toma de mostras sen baixar do coche está emprazado na praza norte, a nivel do segundo andar do hospital.
Na mañá deste xoves levouse a cabo un programa piloto, a modo de ensaio xeral, para avaliar a idoneidade dese emprazamento. Así, foron citados 50 usuarios que achegáronse ao devandito punto, onde un equipo de profesionais de enfermaría lles realizou a toma de mostras nasofarínxeas.
Unha vez validado esta localización, nos próximos días vanse introducir as melloras loxísticas e de estrutura necesarias -instalarase unha carpa- para garantir o correcto funcionamento deste dispositivo, polo que está previsto que o próximo luns inicie a súa actividade de xeito sistemático.
Estará operativo de luns a venres en horario de mañá e tarde e inicialmente será atendido por un equipo de tres profesionais (dúas enfermeiras e un técnico de coidados auxiliares de enfermaría). Calcúlase que realizarán 600 probas diarias, aínda que “existe amplo marxe da crecemento”, segundo indica a Consellería de Sanidade. Así, esta actividade virá a incrementar “de xeito moi significativo” a capacidade diagnóstica do Covid-19 na área de Vigo.
Este sistema de recollida de mostras funciona con indicación facultativa e con cita previa; isto é, o facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos.
Así, aos ‘auto-covid’ acoden aqueles pacientes con sospeita clínica de padecer á enfermidade, os contactos estreitos dos casos positivos ou as persoas que van ser sometidas a unha intervención cirúrxica.