O Bloque Nacionalista Galego demandou este luns que se alonguen as medidas preventivas no Complexo Residencial de Persoas Dependentes do Meixoeiro así como que se garanta o acceso áxil e completo a información médica ás familias das e dos residentes. Así llelo trasladarán por escrito á delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, segundo anunciou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
Igrexas advertiu da necesidade de que a o Goberno autonómico actúe nesta dotación pública para redobrar esforzos de cara a garantir as máximas condicións preventivas, atendendo que as persoas residentes son un colectivo de alto risco fronte a Covid-19. Neste sentido, demandou que se entreguen EPIs a todo o persoal. “Temos constancia de que neste momento só o persoal que atende os 18 casos confirmados de coronavirus, nunha unidade separada, dispoñen de equipos de protección. O resto de persoal está a ter que fabricarse con bolsas plásticas do lixo a protección da súa uniformidade”, alertou nun momento no que se están a efectuar novos test entre o persoal para determinar se hai contaxios.
Por outra parte, o portavoz municipal nacionalista fíxose eco do reclamo das familias de persoas residentes no Meixoeiro que demandan información médica áxil e completa. “Non é aceptábel que agora, en medio dunha crise sanitaria, se teña menos información e de peor calidade que antes do inicio da pandemia”, valorou Igrexas. No concreto, pediu que se faga entrega por escrito ás familias dos resultados dos test da Covid-19 que se lle practican ás persoas residentes. “Non pode ser que a única información sexa a comunicación telefónica do resultado. Teñen dereito a recibilo de maneira documentada e rigorosa”, acrecentou.