O Bloque Nacionalista Galego urxiu este venres a actuar para despregar medidas adicionais que contribúan a frear a transmisión do coronavirus «diante do descontrol da situación pandémica» na área sanitaria de Vigo, onde xa se superaron os 3 mil casos activos (3.153) e, singularmente, na cidade olívica cunha incidencia acumulada de 400. A fronte nacionalista demandou ao alcalde a convocatoria dunha xuntanza urxente e ampliada do Comité Municipal de Seguimento da Covid19 e reitera a proposta, formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, de poñer en marcha un novo confinamento.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que a situación está descontrolada como reflicten os datos de evolución e o incremento da presión asistencial na cidade. Neste sentido, anunciou que se dirixirá este venres ao alcalde para instalo a que convoque unha nova xuntanza do Comité de Seguimento Municipal pero aberto á participación dos voceiros de todas as forzas políticas con representación do Pleno. Igrexas subliñou que o Bloque leva desde o inicio da pandemia actuando desde unha total disposición á cooperación co Goberno local. «O que lle dicimos ao alcalde é que poña data, hora e lugar para esa xuntanza e alí estará o BNG para contribuír en positivo con ideas e propostas, para sumar esforzos e fortalecer a capacidade de resposta da cidade diante desta terceira vaga», afirmou.
Igrexas defendeu a necesidade de que Xunta e Goberno español actúen para frear a situación «poñendo a saúde por diante». A este respeito reiterou a proposta, formulada desde hai varios días polo BNG a nivel galego, de que se poña en marcha un novo confinamento de 15 días acompañado de medidas efectivas e reais de axuda directa aos sectores que se poidan ver afectados por esta medida.
«A primeira vaga da pandemia demostrou que cando a situación se descontrola como o está agora a única medida efectiva é un confinamento. É algo drástico e que vai ter impactos a nivel económico, pero é fundamental para protexer a saúde e a vida das persoas e evitar o colapso do sistema sanitario», explicou. «Non podemos seguir agardando máis tempo. Hai que actuar xa. Temos que priorizar a saúde e a vida das persoas por acima de todo», remachou.