O Bloque Nacionalista Galego reclamou ao goberno local de Vigo a posta en marcha dun plan de continxencia municipal co que enfrontar a segunda onda do coronavirus. A demanda foi trasladada a través dun escrito polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen insta a reforzar todos os medios preventivos, así como a preparar o despregamento de dispositivos e programas extraordinarios a nivel social para protexer os colectivos máis vulnerables.
Igrexas advertiu de que os indicadores sanitarios apuntan que xa se está ás portas da segunda onda da Covid19, e que a evolución das últimas semanas –atinxindo xa preto de 140 positivos na área sanitaria de Vigo– deben provocar unha resposta enérxica por parte de todas as administracións. «Entre marzo e maio actuouse con improvisación e falta de planificación, en grande medida porque non se esperaba unha pandemia destas dimensións, pero agora xa temos datos, experiencia e sabemos o rápido que se pode complicar a situación. Aprendamos a lección da primeira vaga de contaxios», reclamou o edil.
Desde a fronte nacionalista enfatizan que é necesario actuar «con dilixencia, rapidez e contundencia» para salvagardar a saúde pública e a vida das persoas. Nese sentido, no plan de continxencia municipal que demandan inclúen medidas como o reforzo dos mecanismos de prevención, a garantía de subministración de equipos de protección e o reforzamento dos servizos e programas de atención social a persoas vulnerábeis.
Instan tamén a que o goberno municipal esixa ás empresas concesionarias municipais, nomeadamente as de servizos esenciais e sensíbeis como o servizo de Axuda no Fogar ou o transporte urbano, a que doten do material preventivo necesario o seu persoal. «Son empresas que prestan os seus servizos ao Concello, que reciben moitos millóns de euros de diñeiro público e ás que non se lles pode tolerar que non distribúan os EPI necesarios», dixo facéndose eco das denuncias que apuntan a que Vitrasa só fai entrega dunha única máscara para toda a semana para o persoal condutor, ou menos dunha unidade por persoa usuaria no SAF a pesar de ser un colectivo especialmente vulnerable perante a Covid19.
O Bloque reiterou, por boca do seu concelleiro, a súa «plena disposición» para seguir a «colaborar e cooperar desde a máxima lealdade co Goberno municipal, como viñemos facendo desde o inicio da crise sanitaria, para robustecer a capacidade de resposta da cidade fronte a segunda onda da Covid19».
Críticas á Xunta
Igrexas subliñou a necesidade e importancia deste plan ante a «absoluta ausencia e incomparecencia da Xunta». Nese sentido, criticou que o Goberno galego «teña renunciado a exercer as súas competencias e agora se limite a pedirlle ao Goberno español que lle resolva a papeleta».
«Esta crise sanitaria demostrou que centralizar a toma das decisións non só non axudou a resolver nada, senón que agravou os problemas. A Xunta non pode poñerse de perfil», esixiu, lembrando que o BNG xa reclamou a nivel galego a través da súa portavoz nacional e líder da oposición, Ana Pontón, a declaración do estado de emerxencia sanitaria en toda Galicia.