O BNG de Vigo dirixiuse á delegada da Xunta de Galicia, Corina Porro, para demandarlle a intervención “inmediata” da residencia de maiores DomusVi de Barreiro, despois de se detectar 38 casos de coronavirus Covid-19.
O concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas, reclamou que o Goberno galego “exerza as súas competencias e proceda a intervir a residencia, asumindo a dirección e a xestión do centro, reforzándoo cos medios humanos e materiais necesarios e valorando o traslado, inda que for parcial, dos seus usuarios a outras dependencias nas que se garantan todas as medidas preventivas para evitar novos contaxios así como a atención sanitaria que necesitan”.
Igrexas alertou de que xa son 33 os contaxios entre usuarios e usuarias, o que representa preto do 25% do total, e que está aumentando “perigosamente” tamén entre o persoal, con cinco casos até o momento. Desde o Bloque apuntan a que a Xunta é titular de diferentes dependencias na cidade que poderían ser utilizadas para o traslado das persoas usuarias, como o antigo centro de especialidades da Doblada, a residencia Altamar ou a hospedaría e antigo centro de saúde da Casa do Mar.
A fronte nacionalista faise eco das denuncias que apuntan a que o centro continúa sen contar cos medios necesarios para enfrontar con garantías esta situación de emerxencia sanitaria, coa falla de EPIs para o persoal. Ademais, tampouco se estaría a facer efectivo o illamento dos contaxiados dado que o confinamento estase a facer en cuartos compartidos e sen que exista na práctica unha área delimitada e illada. Igrexas tamén advirte da “falla de transparencia e a opacidade” coa que a dirección de DomusVi está a xestionar esta situación e que mesmo motivou a intervención da policía local de Vigo a petición das familias que se manifestan “desesperadas” pola ausencia de comunicación e información completa.
“Hai que actuar xa, con responsabilidade, para garantir o dereito á saúde e protexer a vida dun colectivo de risco como son as persoas maiores. Non podemos agardar a que esta situación límite se converta en desgraza”, esixiu Igrexas, advertindo que a situación de DomusVi en Barreiro xa superou en alcance á crise rexistrada na residencia San Carlos en Celanova. Tamén demandan a inspección de todas as residencias de maiores da cidade.