O alumnado e o profesorado do CIFP Manuel Antonio de Vigo respondeu este xoves á chamada da Consellería de Sanidade para someterse ao cribado que se desenvolve no centro co obxectivo de chegar a 2.000 persoas, entre traballadores e estudantes. Aínda que é cedo para dispoñer de cifras de participación, pola mañá xa se podían ver ringleiras de xente agardando a súa quenda para completar a proba.
Un equipo de 10 profesionais de enfermaría desprazouse ás instalacions do Manuel Antonio para realizar estas PCR de xeito voluntario e así detectar casos positivos de Covid-19 que non presenten síntomas clínicos. Nesta ocasión, hai unha diferenza con respecto a cribados anteriores. As persoas que pasaron a proba non tiveron que desprazarse ao ‘covid auto’, que teoricamente poderá manter a súa actividade con normalidade e seguir atendendo aos casos sospeitosos. Segundo o último informe emitido pola Consellería de Educación, o Manuel Antonio ten un aula pechada e seis positivos por coronavirus.
Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área sanitaria de Vigo para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.
Neste contexto, tamén segue a realizarse o cribado á poboación xeral asintomática. Así, estase a convocar a outras 5.500 persoas de Vigo que teñen o seu centro de saúde no Casco Vello, na Doblada ou nas rúas Rosalía de Castro, Cuba e Pintor Colmeiro. Tamén púxose o foco nas localidades de Tui, Redondela e Moaña, as que máis preocupan arestora na área sanitaria viguesa. Nunha primeira fase xa se realizou o cribado a case 3.000 veciños de Sárdoma e Lavadores que aceptaron participar neste proxecto.