O Concello de Vigo anunciou este mércores a decisión de adiantar trinta minutos a hora do inicio dos espectáculos de VigoCultura que, nas próximas dúas semanas, acolle o auditorio municipal.
O obxectivo é permitir que público e traballadores poidan retornar aos seus domicilios con tranquilidade e cumprir así coa limitación á mobilidade decretada de 23.00 a 06.00 horas, ata polo menos o próximo 9 de novembro.
Son catro as funcións afectadas: este venres e sábado, ‘A conquista da Escola de Madhubai’, de Teatro do Atlántico; o próximo venres, 6 de novembro, ‘O Premio’, de La Quintana Teatro; e o sábado 7, ‘Armazenados’, de Teatro Art’Imagem. Todas elas comezarán ás 20:30 horas, media hora antes do previsto.
Os espectáculos dos domingos, destinados a público familiar, manteñen o seu horario programado e iniciaranse ás 18.00 horas. O aforo do auditorio municipal do Concello de Vigo reduciuse ata as 81 butacas dispoñibles.