O Concello de Vigo rematou este luns de entregar as primeiras 20.000 máscaras de protección que leva repartindo entre a cidadanía desde o venres. Nesta última xornada, a distribución centrouse na contorna dos espazos comerciais da rotonda de Avenida de Castelao, da Travesía de Vigo e da Praza Elíptica, así como nas proximidades das tendas de alimentación e farmacias de Alcabre, Castrelos, San Andrés de Comesaña, Freixeiro, San Paio de Navia, San Miguel de Oia, Saiáns, San Xoán do Monte e Zamáns.
Esta quenda forma parte da primeira remesa de 100.000 unidades adquiridas pola administración municipal para repartir na rúa entre a xente que ten que saír da súa casa para facer a compra. Concretamente, foron adiantadas polo Hospital Povisa e serán devoltas cando o Concello reciba as que acaba de mercar. Estas chegarán á cidade a partires do 11 de maio e se repartirán a un ritmo de 20.000 por semana.
Abel Caballero reiterou que quere conseguir outras 200.000 máscaras para poder entregar un total de 300.000 entre os vigueses e viguesas. A mesma cifra, 300.000 unidades, esixiu o alcalde á Xunta de Galicia, en declaracións por videoconferencia este luns.