A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves de que das 15.040 mostras analizadas ata o de agora mediante a autorecollida de saliva na provincia de Pontevedra, 30 resultaron positivas (taxa de positividade do 0,20%). Así o desvelou nunha visita a unha oficina de farmacia da cidade de Vigo na que estivo acompañada pola presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia de Pontevedra, Alba Soutelo.
Tapias agradeceu a disposición do colexio para participar neste programa en colaboración coa Xunta e que ten por obxectivo incrementar a capacidade de detección de novos casos de Covid-19 entre persoas sen síntomas. Este medida esténdese desde este martes ás catro provincias galegas despois que estea a funcionar con alta demanda en Pontevedra, onde 381 das 429 boticas existentes dispensan estes equipos de diagnose desde o 9 de febreiro. Así, constátase a alta demanda destas probas por parte da cidadanía
As farmacias ofrecen ‘kits’ de saliva ás poboacións diana establecidas pola Consellería de Sanidade -persoas de entre 40 e 64 anos- para posteriormente enviar estas mostras ao Laboratorio de Microbioloxía de Vigo, onde se analizan. Así, unha vez avaliadas, se lles comunica o resultado ás persoas participantes e, no caso de obter un resultado positivo, se lles realiza unha proba PCR.