A área sanitaria de Vigo continúa a desenvolver a estratexia para realizar un cribado no conxunto da poboación mediante probas PCR aleatorias a persoas sen síntomas de Covid-19, co obxectivo de detectar a individuos positivos con risco de espallar o coronavirus ao non padecer doenza clínica.
Tras realizar o cribado a case 3.000 persoas de referencia dos centros de saúde de Sárdoma e Lavadores, a partir deste xoves vaise invitar a realizar o test diagnóstico a outras 5.000 persoas do centro de Vigo que teñen o seu centro de saúde no Casco Vello, na Doblada e nas rúas Rosalía de Castro e Cuba.
A programación prevista é citar a 500 persoas nos dias laborais e 2.500 na próxima fin de semana. Para a tarde deste xoves xa están citadas no ‘Covid-Auto’ do Meixoeiro as primeiras 500 persoas.
“Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade”, defende o Sergas. Con todo, o número global de PCR non se viu aumentado nas últimas datas a raíz destes cribados.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten cadro clínico, xa que “supoñen un gran risco para a saúde pública”. “Ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus”, engade.
A área sanitaria de Vigo ofrece participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos, non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’, que consente ás autoridades sanitarias enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.