A área sanitaria de Vigo vén de deseñar novos sistemas tecnolóxicos que faciliten a comunicación entre os pacientes ingresados no Álvaro Cunqueiro, tanto en Urxencias como nas unidades de hospitalización, cos seus familiares. Trátase dunha medida máis do Plan de Continxencia establecido fronte a pandemia do coronavirus Covid-19.
A xerencia do hospital apostou pola tecnoloxía móbil co fin de achegar a calquera paciente emprazado en calquera área do hospital -e que non dispoña dos seus propios medios- a posibilidade de comunicarse coas súas familias a través de videoconferencia.
“O obxectivo é que neste contexto de gran presión asistencial se continúe dando prioridade á humanización, para non esquecer que o paciente é o primeiro e, na medida do posible, seguir desenvolvendo medidas e xestos que contribúan a minimizar o impacto que supoñe o illamento e a conseguinte soidade que experimentan estes pacientes”, argumenta o Sergas, que incorpora así unha medida similar á que está a implantar a Povisa.
Así, vanse entregar tablets a un grupo de profesionais sanitarios voluntarios para que identifiquen a aqueles pacientes que poderían estar interesados neste servizo, sobre todo xente de avanzada idade ou que non dispoñen de dispositivos móbiles. O sistema é moi sinxelo. Ao familiar de contacto se lle enviará unha mensaxe SMS cunhas breves instrucións e un enlace para iniciar a videoconferencia.
Ademais, estase a estudar cos servizos asistenciais a viabilidade de ofrecer tamén información clínica sobre o estado e evolución dos pacientes ao familiar de contacto a través deste sistema.
Extensión de ‘Avísame’
Por outra banda, continúase a estender a máis servizos hospitalarios o programa ‘Avísame’, que envía información por SMS aos móbiles dos acompañantes dos pacientes. En concreto, vén de implantarse no Hospital de Día de Oncoloxía e nos próximos días farano nas Urxencias.
O obxectivo é garantir que os familiares dos pacientes se manteñen informados sen necesidade de estar presentes nas salas de espera deses servizos, evitando así a concentración de acompañantes nesas salas e o conseguinte risco de contaxios.
Por exemplo, os pacientes que acoden a recibir tratamento quimioterápico ao Hospital de Día deben pasar varias horas no hospital. Con este sistema, os seus acompañantes poden volver as súas casas ou esperar nos seus coches, porque se lles enviará unha mensaxe para informarlles no momento en que o paciente finalice o tratamento, e que poidan ir a recollelo.
No referido a Urxencias, se enviará un SMS indicando o ingreso hospitalario do paciente e o seu emprazamento, así como información relativa ás medidas de prevención que deben manter os contactos do paciente con Covid-19.
“Este sistema púxose en marcha nos servizos cirúrxicos do hospital hai tres anos e, nestes momentos, é un dos programas de humanización que rexistran unha mellor acollida, con contrastada eficacia e, sobre todo, cun alto nivel de satisfacción dos pacientes, familiares e profesionais”, explica o Sergas.