Arredor de 30.000 persoas están inmunizadas fronte o Covid-19 en Galicia, o que supón un 1,15% da poboación. Na área sanitaria de Vigo a taxa subiría ata o 1,64% e alcanzaría a 9.329 persoas. Estas son algunhas das conclusións do estudo de seroprevalencia que está realizando o Sergas e que se presentou este mércores.
Da base de datos de tarxeta sanitaria, por mostraxe aleatoria simple, seleccionouse unha mostra, estratificada en seis estratos, definidos polo sexo e os tres grupos de idade de 0 a 18, de 19 a 64 e 65 a máis anos, para cada un dos sete concellos con maior poboación de Galicia e para outras 38 comarcas ou agrupacións de comarcas. En total son 45 mostras independentes.
Polo de agora levouse a cabo a primeira das fases do estudo. Para realizala, contactouse con 61.836 persoas seleccionadas de xeito aleatorio polo Instituto Galego de Estatística, das que 44.832, o 72,5%, realizaron o test. Delas, 385 deron resultado positivo.
Por territorios, a provincia coa maior prevalencia, é dicir, a proporción de xente que sería positiva dado o resultado da proba, é Ourense. Os datos indican que o 1,88% da poboación da provincia, isto é 5.609 persoas, estarían inmunizadas. En Ourense realizáronse un total de 6.983 probas, das que 94 arroxaron resultados positivos.
A prevalencia de inmunes aumenta coa idade, tanto en homes como en mulleres, pasando do 0,56% nos menores de 19 anos cun total de 2.196 persoas nese tramo de idade inmunizadas, ao 1,64% no grupo de 65 anos en diante, con 10.959 persoas con anticorpos.
Outra das conclusións do estudo é que a prevalencia de inmunes nas persoas que tiveron síntomas da enfermidade multiplica por catro á das persoas que non os tiveron (2,73% vs. 0,70%).
Con este estudo, a Consellería de Sanidade busca un triplo obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.
O estudo epidemiolóxico, unha vez finalizado, permitirá ter unha visión máis nítida e ampla do Covid-19 en Galicia, e incide en que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a poboación, particípese ou non na toma de datos. Os resultados do proxecto posibilitarán acadar un coñecemento profundo da epidemia do Covid-19, permitindo adoptar as medidas máis axeitadas; coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.