O estudo epidemiolóxico lanzado pola Consellería de Sanidade en Galicia involucrará a 18 centros de saúde –chamados pola Xunta ‘centros Covid’-, que realizarán estas probas a un total de 9.475 persoas, elixidas aleatoriamente polo Instituto Galego de Estatística para participar nestes test sobre a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 na poboación. O obxectivo desta investigación é acadar un maior coñecemento da pandemia, para poder tomar as medidas sanitarias máis axeitadas.
Un total de 1.100 persoas foron citadas este venres nos centros de Atención Primaria da área viguesa. Ata o próximo día 5 de maio vaise realizar unha primeira onda da mostraxe, e catro semanas despois, ao longo doutra semana, acometerase unha segunda fase deste proxecto.
A poboación obxecto de investigación son as persoas con tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde. O Instituto Galego de Estatística enviou o listado de persoas seleccionadas aleatoriamente diferenciados por sexo, idade, concellos e áreas territoriais.
O Sergas encárgase da realización dos test e da recollida de información. Deste xeito, cada centro de saúde ten asignada unha poboación concreta a estudar, coa que contactan telefonicamente para facer unha breve enquisa.
Ás persoas que entran no estudo dáselles unha cita para que acudan ao seu centro de saúde onde os profesionais de enfermaría tomaralles a mostra mediante unha punción dixital, que será introducida nun medio reactivo que indicará se esta persoa tivo algún tipo de contacto co virus ou non. Nos casos en que a persoa se encontre encamada ou presente dificultades de mobilidade, o persoal do centro desprazarase ata o seu domicilio.
Resultados
Os resultados das probas comunicaranse polo médico de familia que, en función de resultados e atendendo aso protocolos establecidos, lles darán as indicacións clínicas pertinentes. Todos estes datos quedarán reflectidos na historia clínica da persoa. Polo de agora Sanidade non facilitou ningún balance destes resultados.
A xerencia da área sanitaria garante as condicións de seguridade da poboación e dos profesionais sanitarios que participan neste estudo, e recorda que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a comunidade xa que os resultados aportarán un maior coñecemento da epidemia do Covid-19. Isto permitirá coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, e área territorial; así como adoptar as medidas sanitarias para a desescalada máis axeitadas; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.