O festival The Wild debería terse celebrado do 26 ao 28 de xuño. Con todo, ante a imposibilidade de manter a seguridade dos asistentes por mor da Covid-19, a organización optou por emprazalo aos días 5 e 6 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia e reforzar ao máximo as medidas de control co fin de evitar contaxios e ser un lugar seguro.
Así, o festival, que conta cunha superficie de 15000 metros cadrados ao aire libre, reduce o seu aforo en máis dun 90%, podendo asistir, como máximo 800 persoas. Ademais, realizaranse controis de temperatura a entrada, haberá zonas de desinfección en cada espazo con xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes, persoal cualificado comprobando que se respectan as medidas e un sentido de circulación único.
Do mesmo xeito, será obrigatorio o uso de máscaras de protección para desprazarse polo recinto ou adquirir calquera produto e haberá actividades diversificadas e espazos separados para desfrutar dos eventos mantendo sempre a distancia social.
Outra particularidade do festival serán os concertos, o espazo para as actividades dos cativos e a zona de cinema, que estarán parceladas e contarán con cadeiras e alpacas de palla para que os asistentes desfruten das actividades sentados. Ademais, destaca a inclusión dun espazo de emerxencias dotado con EPIS e cunha zona de illamento no caso de que apareza un asistente con síntomas e a espera da súa evacuación.
Por suposto, tamén se facilita a venda de entradas de xeito electrónico, a través da web de The Wild. Así mesmo, dentro do recinto só haberá un único punto para mercar os tickets de comida ou bebida, podendo facer o pago con tarxeta. Os establecementos terán pantalla protectora e os seus traballadores levarán guantes e máscara.
Juan Pablo Pérez, coordinador do festival, teno claro: «Queremos un certame coas máximas garantías de calidade e seguridade fronte ao coronavirus, por iso levamos traballando nestas medidas durante meses e mantendo un diálogo estreito co Concello, quen aprobou o plan de continxencia e mostrou o apoio a The Wild dende un primeiro momento, algo polo que estamos totalmente agradecidos».
A andaina e a carreira de obstáculos
«A andaina terá un aforo máximo de 80 persoas, será obrigatorio utilizar máscara e, para evitar aglomeracións, farase de maneira graduada, en grupos de 10 persoas», resume Juan Pablo Pérez.
Doutra banda, The Wild Race, a carreira de obstáculos prevista para o 6 de setembro, adáptase tamén a nova normalidade e basease no protocolo creado pola Real Federación Española de Atletismo na modalidade de competicións en ruta, trail running e campo a través.
Como especificacións xerais, os participantes deberán levar máscara antes de comezar a proba, haberá zonas diferenciadas e separadas, tales como os vestiarios, as consignas, as zonas de proba ou a de acreditación para controlar o aforo, así como diversas medidas de seguridade para ofrecer cun espazo seguro a todos os competidores.
The Wild Fest
Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.
Na vindeira edición, The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.