O BOE deste mércores publica o Real Decreto polo que se conceden subvencións a municipios que prestan o servizo de transporte público. Dito documento materializa o acordo adoptado onte polo Consello de Ministros a proposta dos Ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e de Facenda. Segundo se indica, cinco cidades galegas recibirán 13.817.582 euros, unha cantidade que se acordou en función da información achegada polos propios concellos sobre os ingresos do servizo do transporte urbano no ano anterior á pandemia, o 2019.
No caso de Vigo, estamos a falar de 5.697.084 euros. Este importe representa o 40% dos 14.242.710 euros de ingresos computables. Esta cantidade corresponde ao 40% do que facturaron estes servizos nese ano, que é o que se estima que deixaron de ingresar en 2020 polas restricións de mobilidade e outras derivadas da pandemia.
Cabe lembrar que o Concello de Vigo xa avisara de que sería preciso compensar a Vitrasa polo descenso de viaxeiros sufrido durante o confinamento e a posterior desescalada, tal e como establece o contrato vixente. O alcalde, Abel Caballero, non concretara cifras exactas pero adiantara que o Goberno de España se comprometera a axudar ás entidades locais a sufragar estes gastos.
Agora chega esta contía, que no conxunto de España chegará aos 433,9 millóns de euros. Estas axudas de carácter excepcional beneficiarán a preto de 237 concellos, cabidos, consellos insulares e mancomunidades de municipios e as súas áreas metropolitanas.