A alcaldesa do Porriño, Eva García, xa avisara pola mañá de que tomaría decisións “duras e incómodas” e a primeira hora da tarde confirmou o contido das súas medidas. Tras verse en alerta vermella (nivel 3) pola alta taxa de incidencia de Covid-19 que rexistra, o Concello celebrou unha reunión de urxencia e finalmente resolveu precintar os parques infantís e suspender o mercado ambulante dos martes.
Ademais, establecerá un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída, na praza de abastos e paralizará as actividades culturais, tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
Do mesmo xeito, pechouse a Sala de Estudo Municipal e as competicións deportivas federadas deberán celebrarse sen público.
A vila suma 26 contaxios activos, segundo lle trasladou a Consellería de Sanidade de xeito extraoficial á alcaldesa, quen non dispón de moita máis información. Esta falta de transparencia motivou as queixas do Concello do Porriño, que non sabe canto tempo terá que manter estas medidas. Municipios como Nigrán entraron a principios de semana nesa alerta vermella, para logo saír dela e regresar este xoves. Así, pois, a Alcaldía tivo que limitarse a indicar que “todas estas medidas estarán vixentes ata que mellore a situación”.
Eva García explicou que estas decisións “precisan da colaboración da veciñanza” e fixo “unha chamada á prudencia para que os porriñeses e as porriñesas limiten os contactos con persoas non convivintes para protexerse a si mesmos, a súas familias e aos demais”.