O persoal do servizo de limpeza do Centro Residencial Docente (CRD) de Vigo e do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio vén de denunciar que a falta de efectivos está a impedir que se cumpran as medidas hixiénicas derivadas da pandemia da Covid-19. Diante disto, convocan a todo o persoal a unha asemblea para abordar a situación e decidir as medidas a adoptar para lograr a implicación das dirección dos centros.
Con este obxectivo rexistraron escritos ante a dirección dos centros educativos, das que reclaman “que fagan algo” ante a imposibilidade de realizar as tarefas de limpeza que teñen encomendadas, “sobre todo a raíz da situación que estamos a vivir pola Covid-19”.
Lembran que no Manuel Antonio hai inscritos un total de 1.650 alumnos e conta con 120 profesores e 52 traballadores do centro, ao que hai que sumar as persoas que participan nos cursos do INEM. “Polo que diariamente nos atopamos cunhas 1.500 persoas no centro, sen esquecer os preto de 200 internos do CRD”.
Neste contexto, as novas necesidades derivadas da prevención da Covid-19 fan que as labores de limpeza “se estean a complicar moitísimo como consecuencia da falta de persoal, polo que as medidas de hixiene non se poden garantir”.
Por iso levarán a cabo unha asemblea de traballadores este mércores ás 12:00 horas na que abordarán este problema e decidirán as medidas a adoptar na busca dunha solución que na súa opinión pasa por que as direccións dos centros se impliquen e se sumen ás súas reivindicacións para lograr que a Xunta contrate máis persoal.
Precisamente o sector de Autonómica da CIG-Administración presentou o pasado martes un conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal encargado da limpeza dos centros educativos.
Dende a central denuncian que a Consellaría de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da Covid-19 sen que se producise nin unha soa nova contratación.
Segundo sinalan, estas modificacións de horario leváronse a cabo sen a negociación previa coa representación laboral que establece a lei e supón que o persoal que acudía de tarde en horario continuo agora estean ao dispor das direccións dos centros. “Xa nos atopamos con cambios de horario de tarde a xornada partida ou incluso a horario nocturno de 22:00 a 6:00 horas”, din.