O tráfico na AP9 rexistrou unha media de 10.054 vehículos diarios en maio de 2020, un 58,59% menos que no mesmo mes de 2019. Segundo informou este mércores Audasa, a autoestrada recuperou 4.614 vehículos de intensidade media diaria (IMD) en maio en comparación con abril de 2020, un 84,82% máis, malia que aínda non acada os 12.727 vehículos diarios do mes de marzo, cando o día 14 se decretou o estado de alarma pola crise do coronavirus.
A IMD contabiliza todos os desprazamentos, con peaxe, peaxe en sombra e tamén os gratuítos para os clientes (o 51% dos tránsitos na Autoestrada do Atlántico son de balde para os usuarios). Os tramos gratuítos da Autoestrada do Atlántico son 37 quilómetros situados nas circunvalacións de Vigo, Pontevedra, Santiago e Ferrol.
Os restaurantes das áreas de servizo da Autoestrada do Atlántico iniciaron o luns o seu proceso de reapertura. A primeira apertura é a do establecemento da área de Ameixeira (Ordes, A Coruña). Entre as medidas contempladas no protocolo inclúese a distancia de seguridade recomendada de 2 metros, facilitar información e lavado de mans a traballadores e clientes, a posta a disposición dos profesionais de máscaras, guantes e pantallas faciais ou a protección individualizada de todos os produtos á venda.
No conxunto da autoestrada, Audasa mantén o seu protocolo de seguridade e hixiene para garantir a protección de profesionais e usuarios, tanto en pista como nas áreas de peaxe, descanso e servizo. A vía automática, coa tarxeta bancaria e sen contacto e o sistema de telepeaxe, continúa a ser o método preferente de pago nas peaxes da AP-9, con persoal de reforzo nos casos nos que sexa necesario.