Os dispositivos ‘covid-auto’ instalados no Hospital do Meixoeiro e no Hospital Álvaro Cunqueiro para pasar as PCRs sen baixar do coche levan completados, con data de 31 de outubro, 85.199 probas, 66.342 no Meixoeiro e 18.855 no Álvaro Cunqueiro. Destas últimas, o 30% (5.634) corresponden ao ‘covid-auto escola’, destinado a rapaces dos centros de ensinanza.
Así o comunicou este venres a xerencia da área sanitaria de Vigo con motivo da visita que fixo a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, a estes dispositivos, que están a incrementar a súa capacidade diagnostica nas últimas datas.
Cada vez que se detecta un posible caso nunha aula e se determina que hai que facer PCR, o alumnado desa clase é derivado automaticamente á axenda das liñas ‘covid-auto’.
O pasado 17 de marzo instalouse o primeiro ‘covid-auto’ no Hospital Meixoeiro, iniciativa pioneira en España. Seis meses despois, e ante o incremento da demanda deste tipo de probas, adoptouse a decisión de habilitar outro no Álvaro Cunqueiro cun circuíto específico para a comunidade educativa.
Hai que lembrar que este sistema de recollida de mostras funciona con indicación facultativa e con cita previa; isto é, o facultativo ten que prescribir a realización deste test no marco dos criterios establecidos nos protocolos.
Así, nestes dispositivos sanitarios cítanse a aqueles pacientes con sospeita clínica de padecer á enfermidade; aos contactos estreitos dos casos positivos ou ás persoas que van ser sometidas a unha intervención cirúrxica.