A Xunta de Galicia realizará un cribado a 2.000 persoas, entre traballadores e estudantes, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, para detectar posibles casos positivos de Covid-19 que non presentan síntomas clínicos, e controlar así a circulación do virus. Un equipo de 10 profesionais de enfermaría vaise desprazar a ese centro de ensinanza o próximo xoves 10 de decembro para realizar a PCR aos que de xeito voluntario acepten participar nesta estratexia.
Así pois, nesta ocasión haberá unha diferenza con respecto aos cribados anteriores. As persoas que se sometan á proba non terán que desprazarse ao ‘covid auto’, que teoricamente poderá manter a súa actividade con normalidade e seguir atendendo aos casos sospeitosos. Segundo o último informe emitido pola Consellería de Educación, o Manuel Antonio ten un aula pechada e seis positivos por coronavirus entre o seu estudantado ou profesorado.
Trátase de continuar desenvolvendo iniciativas que permitan incrementar a capacidade diagnóstica da área para facer fronte a pandemia da Covid-19. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten situación clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública. Ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.
Neste contexto, tamén segue a realizarse o cribado á poboación xeral asintomática. Así, estase a convocar a outras 5.500 persoas de Vigo que teñen o seu centro de saúde no Casco Vello, na Doblada ou nas rúas Rosalía de Castro, Cuba e Pintor Colmeiro. Tamén púxose o foco na localidade de Tui, unha das que máis preocupan arestora. Nunha primeira fase xa se realizou o cribado a case 3.000 veciños de Sárdoma e Lavadores que aceptaron participar neste proxecto.
Hai que recordar que desde a área sanitaria de Vigo ofértase participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 18 e 60 anos; non ter realizada unha proba PCR nas últimas dúas semanas; e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’ que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con dia e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento. Neste caso vanse realizar no Covid Auto do Hospital do Meixoeiro.