O persoal dos servizos de Fisioterapia, Logopedia e Atención Temperá do Álvaro Cunqueiro de Vigo denunciaron este luns que o Sergas retirou do hospital vigués “todos os reforzos que se despregaran durante a fase aguda da crise sanitaria da Covid-19”. A plataforma de terapeutas do Chuvi emitiu un comunicado para lamentar que o seu traballo fose considerado “esencial” para os pacientes e agora se perdera o terreo gañado, volvendo así á “vella normalidad”.
“Pasada esta primeira vaga, preguntámonos: que quedou de todo ese esforzo? Nun momento tan delicado no que os servizos tiveron que remodelarse e adaptarse, os e as terapeutas do HAC estiveron á altura sen dubidalo un segundo. Compañeiras e compañeiros doutros centros (tanto de atención ambulatoria hospitalaria como de Atención Primaria) puxéronse a disposición da dirección e acudiron de xeito voluntario para que a atención hospitalaria no Cunqueiro estivera asegurada”, expoñen estes sanitarios
Tal e como lembran, na UCI creouse un equipo de traballo no que se chegaron a coordinar dez fisioterapeutas para atender todas as unidades os sete días da semana. Ademais, en planta montouse un equipo específico e coordinado con medicina interna e pneumoloxía para a atención de pacientes con Covid-19, mentres que se seguía prestando o servizo habitual ao resto de pacientes do resto de unidades (atención temperá, medicina interna, cirurxías cardíaca, torácica e dixestiva, hematoloxía, pneumoloxía etc.). En canto á logopedia, desde mediados de abril e durante dous meses, contouse cunha logopeda a maiores para reforzar a atención a este nivel, pasando de un a dous logopedas.
“Para que se puxo en marcha esta maquinaria? O único propósito foi achegar. Achegar como profesionais para que os e as pacientes se beneficiaran de tratamentos esenciais que permitiran unha redución da estadía en críticos e que favoreceran a súa recuperación. Estivemos ao nivel dos hospitais de primeira liña, como o Hospital Clinic de Barcelona, onde ao igual que neste o tempo medio de permanencia dos pacientes con Covid-19 en UCI foi de 21 días (en lugar dos 28 na media estatal). Isto implica unha rendibilidade económica importante tal e como din os estudos canadienses, onde 1,5 días de aforro se poderían asignar ó labor dos fisioterapeutas ( un aforro de 1.000 euros aproximadamente). No HAC estivemos desde o inicio, porque adiantarnos foi unha estratexia de éxito”, explican os terapeutas.
Do mesmo xeito, sinalan que “houbo compañeiras e compañeiros que acudiron desde Atención Primaria para poñer en marcha un apoio na formación de colocación de EPI e manobras de pronación. Ademais, creouse un programa de exercicio e relaxación para a atención aos profesionais de unidades Covid”.
Con todo, no momento de “desescalar paulatinamente” o servizo, o persoal viu regresando ao punto de partida. “Todo o beneficio aportado quedou no pasado. O persoal de reforzo foi marchando aos seus centros de referencia paulatinamente, coa sensación xeral de ir perdendo equipo, motivación e ganas de achegar. Os e as profesionais que responsablemente se puxeron a disposición das demandas e da dirección rematan esta etapa cunha inxusta sensación de frustración”, apuntan.
“O mellor recoñecemento do inxente traballo desenvolvido polo conxunto das e dos profesionais do servizo, e por extensión de toda a área sanitaria, é apostar por dotarnos dos medios humanos e materiais necesarios para ofrecer a atención sanitaria que merecen as e os pacientes, poñendo fin á precariedade e o sobreesforzo que nos atenazan. Con feitos, con decisións, con recursos, non apenas con boas palabras”, conclúen.
Demandas
Todas estas demandas non son novas nin apareceron a raíz da pandemia. Lévase reclamando por parte da supervisión de área desde o 2016, cando xa se observaba que a nova reorganización do Chuvi contaba con “recursos humanos e materiais insuficientes”. Na actualidade as demandas en relación aos recursos humanos que a plataforma de terapeutas considera necesarios serían:
• No Hospital Álvaro Cunqueiro: incorporación de fisioterapeutas para reforzar as unidades de UCI, REA e cirurxías cardíaca e torácica; un fisioterapeuta asignado ao servizo de pneumoloxía; un profesional de estimulación precoz para o equipo de atención temperá (pendente desde o traslado en 2015); un logopeda para atender as demandas de ingresos hospitalarios e atención temperá; incorporación de terapia ocupacional para a atención de pacientes ingresados.
• No resto de atención hospitalaria (ambulatoria): reforzos para abordar a atención a pacientes que como consecuencia da nova normativa de medidas hixiénicas non poden ser asumidos polo actual cadro de persoal.
• En Atención Primaria: adiantar a contratación a este ano de fisioterapeutas nas prazas xa aprobadas pola Consellería para o ano 2021 que permitirían dar cobertura de pacientes durante esta crise. Asemade, leva pendente desde 2008 a contratación de dous fisioterapeutas para os pacientes de Mos e Porriño que poderían ser contratados na actualidade dispoñendo dunha consulta do centro actual (para atención individual e seguimento telefónico) para posteriormente integrarse nunha sala de tratamento de fisioterapia nas novas instalacións do centro de saúde do Porriño.
• Medidas de conciliación familiar: aprobación de permisos sen soldo, adecuación e cambios de quenda…
• Substitucións de vacacións do cadro de persoal en Atención Primaria e Hospitalaria, facilidade na asistencia á formación, etc.
• Reforzo para asumir a lista de espera estrutural de pacientes derivados a centro concertado, pendentes de tratamentos combinados de Atención Temperá (fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional e estimulación precoz). Actualmente con esperas de dous anos para seren atendidos. Ademais de pacientes que xa estando en tratamento pasarán á lista de espera do SERGAS por non poder recibir tratamento en centro concertado polas medidas hixiénico-sanitarias derivadas da pandemia.
Resposta do Sergas
Tras a emisión do comunicado da plataforma, o Sergas reaccionou enviando outra nota de prensa na que mantiña que “non é certo que nesta área téñase desmantelado ningunha estrutura ou recortado ningún recurso de atención terapéutica”. Segundo a xerencia local, nos últimos meses incrementáronse estes profesionais coa incorporación de sete novos terapeutas -catro fisioterapeutas para Atención Primaria- e un fisioterapeuta, un logopeda e un terapeuta ocupacional para o Chuvi.
“Precisamente, estes dous últimos profesionais foron contratados o pasado mes de xuño, o que vén a demostrar que a volta á normalidade non implicou ningún recorte senón unha firme aposta polas terapias rehabilitadoras”, asegura Sanidade.
O Sergas tamén argumenta que a actividade ambulatoria dos fisioterapeutas quedou suspendida durante a pandemia. Por iso, sete destes profesionais de Atención Primaria foron destinados a reforzar a atención ao paciente Covid-19 nas unidades de críticos e na hospitalización do Álvaro Cunqueiro. Agora, coa volta a normalidade e a recuperación da actividade, estes fisioterapeutas teñen que reincorporarase aos seus postos de traballo nos centros de saúde.
O Chuvi defende que esa reincorporación é necesaria para darlle continuidade asistencial aos pacientes que durante a pandemia viron suspendidos os seus tratamentos. Deste xeito, sinala que a volta a normalidade “non levou consigo ningún recorte senón a recuperación da actividade suspendida aos pacientes ambulatorios na Atención Primaria”.