A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) iniciou en Vigo a extracción de plasma procedente de doentes recuperados de Covid-19. Desde a Consellería de Sanidade estase a traballar no deseño deste estudio de investigación que permita obter evidencias científicas sobre os usos potenciais deste plasma como método de loita contra o virus.
ADOS é o centro responsable de ditar as instrucións e recomendacións, así como a elaboración dos protocolos de procedemento, en coordinación cos centros sanitarios galegos, para organizar as doazóns de plasma, velando polo cumprimento dos estritos estándares de calidade existentes.
Nesta fase inicial, preto dunha vintena de doentes foron seleccionados polo servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Unha vez escollidos, iniciouse a extracción do plasma no local de doazón de ADOS na cidade olívica mediante o proceso de aférese, un sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes sanguíneos.
Os criterios de selección de potenciais doantes establecen que os participantes tiveran diagnóstico de Covid-19 documentado por proba de laboratorio, con bo estado de saúde e asintomáticos, e que teñan agardado 14 días desde ter evidencia de PCR negativa e recuperación total. Así mesmo, establecese un estrito protocolo de doazón de plasma e unha determinación de Ac anti SARS-Cov-19. Todas as persoas participantes deben realizar un consentimento informado para tomar parte neste estudio clínico.
Procesamento das mostras
Posteriormente, a Axencia responsabilízase do tratamento e inactivación das unidades de plasmaférese obtidas con azul de metileno. As unidades procesadas en ADOS criopreservadas e almacenaranse a -30ºC, tendo unha vida útil de ata dous anos. Estas unidades valídanse e etiquétanse, atendendo aos estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivo para investigación en doentes con confirmación COVID-19.
A Axencia salienta a importancia do desenvolvemento deste estudo científico que comezou en Vigo e que continuará a desenvolverse e estenderse entre todos os hospitais do sistema público de saúde de Galicia.