A Asociación de Traballadores e Traballadoras de Residencias de Galicia (TREGA) solicitou a intervención da Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social ante as “irregularidades, neglixencias, falta de persoal, abandono e incluso maltrato institucional cara os usuarios” que, segundo din, está a acontecer na Residencia Xeriátrica Salvaterra, convertida no epicentro da pandemia nos centros de maiores nesta segunda vaga cun pico de 110 positivos e once mortos.
Segundo este organismo, que difundiu fotos para apoiar as súas críticas, as instalacións non reúnen “as mínimas condicións de mantemento nin salubridade, non xa para atender a persoas maiores, senón para calquera tipo de aloxamento”. Afirman que as habitacións presentan “graves deficiencias, nulo mantemento e falta do material máis básico”. Aseguran que non hai enchufes suficientes para os aparellos eléctricos, nin sequera teñen paus de goteiro -con ou sen rodas- para colgar as bolsas de medicación intravenosa polo que as traballadoras teñen que colgalos das lámpadas, literalmente. Igualmente, advirten de que os aseos das habitacións non están adaptados e teñen unha cortina de ducha de tea separando o retrete do resto. Do mesmo xeito, indican que os timbres das habitacións non funcionan, polo que calquera usuario que o precise non pode chamar para pedir axuda, dándose o caso de que unha persoa que sufra unha caída pode estar horas tirada no chan ata que algunha traballadora pase pola habitación e a vexa.
Ademais, din que os residentes permanecen pechados con chave nas súas habitacións. Segundo a normativa de servizos sociais, as habitacións de usuarios de residencias non poden pecharse con chave, primeiro por prevención de riscos xa que no caso de evacuación do edificio esta pode dificultarse, e tamén por “unha mínima dignidade persoal”. “Unha residencia non é un cárcere; aínda que se debe cumprir un illamento os usuarios deben ter a posibilidade de pedir axuda se a precisan aínda que sexa saíndo ó corredor posto que, como se aclara no punto anterior, os timbres non funcionan”, sinalan desde Trega.
Nas súas denuncias tamén apuntan que as camas de residentes non son clínicas, polo que “non poden elevarse en ningún plano”. “A elevación é fundamental para os usuarios que padecen patoloxías respiratorias como é o caso dos doentes de Covid-19, así como para administrarlles os alimentos ós residentes encamados que poden asfixiarse e sufrir unha broncoaspiración grave con resultado de morte”. Igualmente, os colchóns non son viscoelásticos, senón de muelles e “están totalmente rotos e sucios impedindo un descanso axeitado a calquera persoa que se apoie neles”. Engaden tamén que o 90% dos usuarios teñen úlceras provocadas pola inmobilidade (non se fan cambios posturais) e por estar ata 10 horas sen cambiar os cueiros, segundo indican traballadoras do centro.
Os problemas dados a coñecer afectan tamén ao vestiario de persoal, onde as duchas están “rotas e oxidadas aparte de visiblemente sucias”, así como outras dependencias para gardar obxectos. “Non hai as mínimas existencias de material para que as profesionais poidan realizar o seu traballo. Non hai lencería suficiente para que se cambie a roupa de cama cada vez que sexa necesaria, e a existente está totalmente deteriorada e rota. Os produtos de limpeza que se usan son de supermercado e destinados a consumo doméstico (marca Bosque Verde), sen que existan as fichas técnicas nin de seguridade preceptivas para o seu uso en instalacións industriais ou comunitarias. Ademais, só hai unha botella para cada andar polo que, se o precisan, teñen que buscalo por todos lados posto que non hai un lugar habilitado para a súa situación”, alertan.
Mentres, para asear e cambiar aos usuarios encamados só dispoñen “dunha palangana para cada 30 usuarios, obrigando ás traballadoras a usar a mesma aínda sen a desinfección correspondente ao non ter a man os produtos que se poidan usar sen danar a pel dos residentes”.
A Residencia Xeriátrica Salvaterra ten un total de 108 prazas das que 72 están subvencionadas con algún tipo de concerto público: 60 son beneficiarias de cheque asistencial e 12 concertadas coa administración pública. Agora está intervida pola Xunta de Galicia debido ao alto impacto da pandemia entre os usuarios e traballadoras. Por todo elo, Trega non entende “como esa Inspección de Servizos Sociais non actúa na súa preceptiva labor inspectora, nin antes nin durante a intervención, o que consideramos unha clara deixadez nas súas funcións con consecuencias desastrosas para a saúde dos usuarios e as traballadoras”.
Por elo, a asociación solicitou a actuación urxente da Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social para “avaliar as condicións nas que se atopan os usuarios e as traballadoras da residencia”, así como as súas instalacións e que se adopten as medidas necesarias para preservar a súa saúde, dignidade e integridade moral e física.