A Consellería de Sanidade informou este mércores de que a Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas detectaron a aparición dun brote de coronavirus na comarca lucense de A Mariña. En concreto, ata o momento, detectáronse 8 casos positivos en coronavirus no concello de Xove. Todos eles pertencen ao círculo familiar no que se rexistrou o primeiro caso.
Trátase dun brote familiar de infección por Covid-19 que se detectou o martes pola tarde no concello de Xove. A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Ata o momento, mediante as probas realizadas, confírmase a existencia de 8 positivos en Covid-19 (incluido o caso inicial), 4 negativos e 25 máis pendentes de resultado.
«Desde o momento no que o Sergas detectou o primeiro positivo do foco identificado, na tarde de onte, activouse o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo», afirma Sanidade nun comunicado.
Neste momento, dos oito casos positivos a maioría son asintomáticos, agás dous que presentan sintomatoloxía de carácter leve, máis teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún afectado tivo que ser hospitalizado.
«A Consellería de Sanidade leva rastrexado ata o momento a unhas 40 persoas relacionadas con este brote familiar e séguense a investigar posibles contactos», sinala. O Sergas destacou o «correcto funcionamento» dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á ciudadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na «necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social».
A Consellería de Sanidade reitera tamén á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.