A Consellería de Sanidade vén de rematar a primeira parte do seu estudo autonómico de seroprevalencia, iniciado o pasado 23 de abril, que con carácter autonómico analiza a circulación do coronavirus dentro da poboación galega en todo o territorio. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en iniciar un estudo de seroprevalencia poboacional dentro do Estado.
Con todo, a Xunta aínda non deu pistas de xeito oficial sobre os resultados, que serán analizados nos vindeiros días polo Instituto Galego de Estatística para obter a información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais. Así é todo, algunhas fontes apuntan a que a incidencia do Covid-19 é moi baixa en Galicia.
O total de persoas contactadas para a realización do test foi de 61.836 nesta primeira quenda, para obter as 50.925 persoas establecidas na mostra inicial coa finalidade de cumprir cos obxectivos do estudo.
Os obxectivos deste estudo realizado polo departamento sanitario galego son os de estimar a prevalencia fronte ao Covid-19 en Galicia, nas súas comarcas ou grupos de comarcas e nos concellos; así como explorar a prevalencia da inmunidade fronte ao coronavirus por sexo e grandes grupos de idade, ademais de monitorizar a evolución da epidemia no tempo, coa recollida de información en dúas ondas.
O número de mulleres da mostra supón o 49,19% e o dos homes o 50,81%. No que se refire á idade, os menores de 19 anos son o 15,84%; entre os 20 e os 64 anos son o 58,59%, e os maiores de 65 anos son o 25,28% do total.
Este estudo epidemiolóxico busca ter unha visión máis nítida e ampla do Covid-19 en Galicia, repercutindo, dun xeito beneficioso, en toda a poboación, xa que os resultados do traballo, permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia do coronavirus, posibilitando adoptar as medidas sanitarias máis axeitadas; ademais de coñecela súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.