A Consellería de Sanidade realizará un cribado poboacional, mediante a realización de PCR masivas, á poboación de Moaña. Neste contexto, vaise invitar ás persoas maiores de 15 anos a someterse a unha proba diagnóstica entre o xoves e o martes na praza do Mercado de Abastos. Ata alí achegarase un equipo de 14 profesionais para xestionar este proceso, desde as 8.30 ás 19.30 horas.
Vanse instalar seis carpas ás que as persoas citadas poderán achegarse preferentemente no propio automóbil ou ben a pé. Esta decisión adoptouse dada a «elevada incidencia» da Covid-19 mantida nos últimos 14 días en Moaña (43 contaxios nesas dúas semanas). O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas aínda que non presenten síntomas, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública.
O Sergas habilitou en Moaña dúas modalidades de recollida de mostras para realizar a proba PCR: a autotoma de saliva e a nasofarínxea. Así, á poboación de entre 15 e 70 anos se lles se entregará un kit cun tubo xunto coas indicacións oportunas para realizar nos seus domicilios unha correcta recollida de saliva: recoller un 1 mililitro de saliva ao levantarse, en xaxún, sen tomar auga e sen lavarse os dentes. Ao día seguinte terán que entregar o tubo no dispositivo habilitado a tal efecto na carpa situada ao carón da Confraría de Pescadores.
Á poboación maior de 70 anos, ou aquela que presente maiores dificultades para producir saliva, se lles tomará unha mostra nasofarínxea. As mostras serán procesadas no servizo de Microbioloxía do hospital Álvaro Cunqueiro mediante a técnica de ‘pooling’, que permite agrupar varias mostras nunha única análise. As persoas convidadas a pasar estas probas serán contactadas polo Servizo Galego de Saúde. A súa participación é voluntaria.