A área sanitaria de Vigo continúa a desenvolver a estratexia para realizar cribados á poboación xeral mediante probas de detección do coronavirus. Neste contexto, nos próximos catro días vanse estender estas actuacións masivas a 7.100 persoas dos concellos de Gondomar (2.500), Cangas (3.000) e a parroquia de Chapela (1.600).
As persoas seleccionadas nos concellos do Val Miñor serán convidadas a realizarse a proba no ‘covid-auto’ do Meixoeiro os próximos xoves e venres. Os residentes na parroquia redondelá serán citados o sábado, tamén no Meixoeiro.
Pola súa banda, a poboación do Morrazo será convocada o domingo no Pavillón de Rodeira, onde un equipo de nove profesionais sanitarios achegarase a realizarlles unha toma de mostras nasofarínxeas. O Concello de Cangas realizou unha selección previa daqueles colectivos cun maior risco de contaxio de Covid-19 pola súa dedicación a unha actividade profesional ou social vencellada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: comerciantes, taxistas, hostaleiros, usuarios de axuda no fogar e deportistas.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten síntomas. A área sanitaria de Vigo ofrece participar nestes cribados a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 18 e 60 anos. As persoas seleccionadas adoitan a ser contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica. A súa participación é voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con día e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario habilitado, no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.