A área sanitaria de Vigo continúa a desenvolver a estratexia para realizar cribados poboacionais a persoas asintomáticas. Neste contexto, nestes días vaise someter a probas PCR a 10.860 persoas dos concellos do Porriño (7.000), As Neves (1.669), Mondariz (1.811) e Mondariz-Balneario (380). Así, esténdese esta actuación sanitaria nesas comarcas da área viguesa, onde xa se invitara a participar a 13.560 persoas dos concellos de Tomiño, Mos, A Cañiza, Salvaterra e Ponteareas.
De feito, as persoas seleccionadas das vilas do Condando-Paradanta xa están acudindo este xoves a realizarse a proba PCR no ‘covid-auto’ do Meixoeiro, e o farán ata o próximo domingo. A poboación do Porriño (municipio con incidencia acumulada de 642 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días) será convocada no Instituto Ferial de Vigo (Ifevi) na tarde deste venres e o domingo día 7.
A área sanitaria de Vigo ofrece participar neste cribado a unha porcentaxe da poboación no rango de idade entre 20 e 70 anos que non teña realizada unha proba PCR no que vai de ano e dispoña dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’, que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é voluntaria. Sanidade manda primeiro unha mensaxe de aviso e logo outra coa cita para acudir ao dispositivo. A concreción do día e hora soe chegar con escasa antelación e resulta moi complicado modificala.
A área sanitaria de Vigo tamén informou este xoves dos resultados do cribado realizado durante os últimos días no Ifevi con probas de antíxenos a veciños de Vigo, Ponteareas e Salvaterra de Miño. En total, detectáronse 24 positivos por coronavirus, o que supón unha taxa de infección do 0,11%. Chama a atención o caso de Salvaterra. Dos 1.348 habitantes testadas, ningún deu positivo.