A Consellería de Sanidade repetirá as probas PCR ás que someteu ás persoas confinadas no Porriño pola súa relación co brote rexistrado, no que seis pacientes deron positivo e unha quincena permanecen illadas nos seus domicilios. Todas as análises feitas á xente vencellada con estes contaxios deron negativo pero as autoridades sanitarias precisan asegurarse en dous casos.
Así o revelou a alcaldesa da vila, Eva García, que contactou cos afectados. A rexedora púxose á disposición deles polo que puideran necesitar e na medida que a administración municipal fose quen de colaborar.
A través dunha conversa telefónica coa nai do mozo primeiramente infectado, a Eva García interesouse polo estado de todos eles. Segundo lle trasladaron, están confinados nos seus fogares despois de que se dera de alta a unha persoa que fora ingresada no Álvaro Cunqueiro. O seu seguimento realizase polo persoal de Atención Primaria a través do Centro de Saúde.
Con todo, aínda que o brote obrigou a illar a varios veciños do centro do Porriño, dous dos positivos residen en Vigo e outros dous en Baiona.
A alcaldesa aproveitou para facer un chamamento público a toda a veciñanza para que “cumpra co uso obrigatorio da máscara, coas distancias sociais e demais protocolos anti-Covid vixentes na nosa comunidade”.
Eva García exhortou “de xeito especial á mocidade para que eles sexan conscientes de que son un vector de contaxio e polo tanto tamén de risco”.