A Consellería de Sanidade decidiu este venres establecer medidas restritivas en varios concellos de Galicia, dous deles pertencentes á área sanitaria de Vigo. Trátase de A Guarda e O Rosal, que se suman ás vilas de Vilaboa, Lalín, Poio e Laxe. Esta decisión tomouse durante a reunión que mantivo o subcomité clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica na comunidade. Con todo, o Sergas negouse a informar dos detalles da Covid-19 nestas localidades. É a primeira vez desde que rematou o estado de alarma que se implantan restricións desta índola na área olívica.
Entres as medidas que terán que adoptar estes municipios destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.
Estas medidas serán publicadas ao longo do día no DOG e entrarán en vigor desde ás 00:00 horas da medianoite do venres ao sábado. Ademais, a posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado no prazo máximo dunha semana.
No caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50% do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana.
A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.
Sen mercado e con restricións nas praias en A Guarda
Pola súa banda, o concello da Guarda suspendeu o mercado deste sábado. Así mesmo estableceu aforos limitados para as praias de 4 m2 por persoa, que serán controlados periódicamente pola Policía Local.
A administración local tamén está valorando cos responsables da área sanitaria de Vigo o aforo para o partido de balonmán do Atlético Guardés que se celebrará este sábado pola tarde.
O Concello si informou de que o número de casos activos na localidade é de 30.