A Consellería de Sanidade vén de informar de que as probas realizadas este xoves confirmaron outros tres casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote detectado na Mariña lucense, o que eleva a 11 o número de casos. Trátase dun brote familiar de infección que se detectou na tarde do martes no concello de Xove (Lugo). A partir desta confirmación, fíxose un rastrexo e analizáronse todos os contactos da persoa afectada. Das 26 probas realizadas este xoves, 23 arroxaron resultado negativo.
Desde a detección do primeiro positivo do foco identificado, activouse de forma inmediata o protocolo de seguimento e realizáronse as probas PCR a todos os contactos estreitos deste positivo, actuacións que se seguen a desenvolver nestes momentos.
Dos 11 casos positivos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecerán en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Ningún contaxiado neste brote tivo que ser hospitalizado.
Así mesmo, á marxe deste brote nestes momentos na comarca de A Mariña hai outros tres positivos por Covid-19. Un dos pacientes está ingresado no Hospital Público da Mariña e os outros dous permanecen en seguimento domiciliario.
Dende o Sergas quérese destacar “o correcto funcionamento dos protocolos de vixilancia e control e lembrar á cidadanía a necesidade de continuar a aplicar as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras, naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social”.
A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 881 00 20 21 para persoas de fóra da comunidade autónoma que visiten Galicia e desexen consultar dúbidas ou sintomatoloxía relacionada co Covid-19.