Tui entrou este mércores en nivel vermello por Covid-19 segundo o mapa de alertas da Xunta. Ante esta situación, o Concello acordou o e peche das instalacións municipais de carácter deportivo e cultural, agás a biblioteca, o teatro e os pavillóns onde se celebren competicións federadas e actividades escolares.
Do mesmo xeito, mantéñense abertos os parques infantís ao ser espazos ao aire libre que se desinfectan periodicamente. Ademais, este xoves terá lugar o mercado semanal coas medidas de seguridade establecidas dende que retomou a actividade.
Dende o Concello recomendan aos centros culturais privados, xestionados por asociacións, a suspensión de calquera tipo de actividade.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, advertiu de que “cómpre ser extremadamente cautos” xa máis aló do número concreto de casos positivos que hai neste momento, un total de 32, hai un importante número de veciños e veciñas de Tui en corentena. Explicaba que a adopción destas medidas ten por obxectivo “restrinxir a mobilidade nos ámbitos de carácter público” agardando que “estas medidas axuden a paliar a gravidade da situación, porque é unha situación complicada que nos preocupa, e á que chegamos polo inicio de dous brotes nunha parroquia que foron desencadenando a situación na que nos atopamos agora”.
Dende o Concello de Tui lémbrase amais as novas medidas impostas pola Xunta que entrarán en vigor esta medianoite coa limitación de reunións tanto públicas coma privadas a 5 persoas. A isto súmase tamén a limitación ao 50% do aforo en establecementos de restauración e a prohibición de consumo en barra.