A ANPA O Lecer, do CEIP Chans-Bembrive de Vigo, denunciou este luns que leva desde o pasado 1 de outubro agardando a incorporación da auxiliar de conversa -que compartirá este curso co CEIP Seis do Nadal– porque o Sergas aínda non someteu a esta profesional ás pertinentes probas de detección de Covid-19.
Dita docente non se puido incorporar ao seu traballo porque descoñece se pode estar contaxiada polo coronavirus. Non porque haxa sospeitas, senón porque as medidas de seguridade requiren descartar esa posibilidade antes de iniciar o seu labor en calquera centro educativo.
Ante esta situación, e tras “repetidos avisos” á Inspección de Educación por parte da dirección do Chans-Bembrive, a ANPA decidiu contactar con este departamento autonómico. Segundo revela a asociación de nais e pais, a inspectora recoñeceu a “problemática” e informou de que non é exclusiva desde colexio. “A presenza dos auxiliares de conversa está estendida en numerosos centros por motivo das probas de saúde previas ás teñen que ser sometidos”, recoñece a representante de Educación, que remitiu a responsabilidade deste asunto ao Sergas por ser quen “se encarga” da realización das probas de detección da Covid-19.
Desde a ANPA consideran que o apoio desta profesional é “fundamental” para a boa marcha da sección bilingüe do centro, reformada tras a adaptación á nova normalidade. “Non entendemos, como a administración permite que unha profesional estea case un mes sen desenvolver o seu traballo por unha proba da que pode ter o resultado en apenas catro horas”, sinalan.
Por ese motivo, este luns esixiron que sexan realizadas “de xeito inmediato” as probas ás auxiliares de conversa pendentes de incorporación nos centros de ensino de Galicia. Desde O Lecer incluso ofrecéronse a pagar o custo dunha PCR. “Queremos tender a man á Consellería de Educación financiando, se é necesario, nunha clínica privada a proba PCR da docente coa finalidade de que poida incorporarse ao seu traballo o máis rápido posible”, apuntaron.