Se o pasado ano o primeiro concurso de debuxo infantil ‘Descubre a túa provincia’ permitiu que as nenas e nenos amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos da nosa contorna e a súa riqueza turística, a Deputación de Pontevedra propón desde este luns ás crianzas un novo reto artístico nestes días de confinamento. A institución convoca o certame de debuxo online ‘O que ves desde a túa xanela’, dirixido ás nenas e aos nenos de ata 14 anos de idade, que lles anima a debuxar aquelas paisaxes que estes días lles chaman a atención desde as súas fiestras ou balcóns, ou tamén aqueles lugares da provincia onde compartiron experiencias coas súa familia ou amizades, e aos que lles gustaría volver cando esta pandemia sanitaria termine. O concurso establece tres categorías: ata os 6 anos de idade, de 7 a 11 anos e de 12 a 14 anos (incluídos).
A novidade con respecto ao concurso do pasado ano é que neste caso a participación é online. Así, as crianzas poderán enviar ata o 31 de maio os seus debuxos a través dun formulario dispoñible na web da Deputación (www.depo.gal/o-que-ves-desde-a-tua-xanela), pero tendo en conta as dificultades para imprimir que algunhas poden ter desde casa haberá dúas opcións: ou ben mandar directamente a fotografía ou imaxe escaneada do debuxo (en formato pdf jpg ou png) ou, se teñen medios, imprimir a lámina coa creatividade do concurso que está dispoñible na web, facer nela o debuxo e fotografalo para remitilo tamén a través do mesmo formulario.
Os debuxos deben ser manuais, coa técnica que desexen (de forma separada ou mesturada): lapis, ceras, témperas ou acuarelas e o formato ten que ser un folio tamaño DIN-A4 en posición vertical ou horizontal. Xunto aos traballos, as e os participantes deberán enviar ao citado formulario os datos persoais do pai/nai ou titor legal, da nena/o, idade, localidade onde reside, teléfono e correo electrónico. As obras deberán ter tamén un lema, unha frase co que a autora ou autor titulará o seu traballo. Só se admitirá un traballo por participante.
En todos os casos as e os autores do mellor debuxo recibirán como premio unha experiencia turística que poderán desfrutar con toda a súa familia. Na primeira categoría será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e a súa participación no xogo ‘Detectives no Castelo’, mentres que na segunda tamén será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e, no caso da terceira, unha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas.
O xurado estará integrado por profesionais da Deputación, que valorarán tanto a orixinalidade do debuxo coma a súa calidade, tendo presente a idade da autora ou autor. A decisión sobre as obras gañadoras terá lugar o 1 de xuño e o xurado comunicarallo ás e aos premiados o mesmo día, a través dunha chamada telefónica e/ou da publicación na web da Deputación de Pontevedra. De seguido, os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados.