A ANPA O Lecer, do CEIP Chans-Bembrive, vén de realizar unha doazón de medidores de CO2 para todas as aulas do centro e o comedor escolar. Trátase dunha da iniciativa enmarcada na campaña que iniciaron as familias do colexio ao comezo do presente curso escolar para mellorar a seguridade nas aulas fronte a Covid-19.
A asociación de nais e pais comezou as medicións de CO2 nas aulas alá polo mes de novembro, tras a solicitude por parte do centro dun permiso á Consellería de Educación para colocar purificadores de aire con filtros hepa en todas as súas aulas. A ANPA xa comezara unha campaña de recollida de doazóns entre as familias para poder facer fronte á compra de ditos filtros, que está parada temporalmente agardando aínda a resolución positiva por parte de Educación. As familias xa teñen feito doazóns que suman máis de 1.000 euros para instalar esta “nova capa de protección nas aulas”.
“Sabemos que os aerosois son partículas moi pequenas de fluído respiratorio e saliva, de menos de 100 micras, que quedan suspendidas no aire dende uns minutos ata horas, como se foran un enorme parapente que portase enriba aos virus. Deste xeito o virus pode manterse no aire e irse concentrando progresivamente nun ambiente pechado. Esta vía estímase que é responsable do 80% dos contaxios, co cal debe ser tratada como a vía máis importante e implantar medidas nesta dirección. Coa chegada do frío e do curso escolar, a maior parte das actividades son realizadas en espazos pechados onde se concentran os aerosois facilitando os contaxios”, recordan.
Nun primeiro lugar, a ANPA e a dirección da escola acordaron mercar dous medidores portátiles que van rotando diariamente polas aulas, ademais de dous medidores de sobremesa que foron instalados nas aulas de 3 e 4 anos de infantil por ser as máis numerosas (25 nenos e nenas) e por non ter obriga de levar máscara, aínda que moitos e moitas a poñen. Tras ver a necesidade de ter este apoio de medición de CO2, que dá a medida da renovación do aire nas aulas, as familias decidiron facer unha doazón doutro medidor estable para cada unha das aulas. Estes aparellos son conectados vía WiFi a unha aplicación que facilita os datos online das medicións así como gráficos da evolución das concentracións de CO2 nas aulas durante o horario escolar, gráficos que viñan elaborando diariamente dende a ANPA para axudar ao profesorado na mellor xestión da ventilación.
Así mesmo, a ANPA vén de fornecer ao centro dun medidor de CO2 con panel LED destinado ao comedor escolar, espazo delicado a ter en conta, por concentrar moitas persoas sen máscara nun espazo relativamente pequeno. A asociación, preocupada polos niveis de ventilación nos autobuses escolares, vén de iniciar unha serie de medicións da calidade de aire nas empresas de transporte que levan aos nenos e nenas ao centro, grazas á colaboración dos condutores e condutoras, que están a aplicar medidas de seguridade e aireación.
A ANPA tamén contactou coa Entidade Local Menor de Bembrive, coa que colabora dende hai moitos anos, para solicitar apoio económico para estas medidas que están a implantar no centro dende o inicio do curso escolar 2020-21. En total, serán colocados 13 medidores CO2Panel PI con LED informativo e conexión a internet.