O servizo de Fisioterapia da área sanitaria de Vigo inicia este luns un programa de descarga muscular e de alivio do estrés dirixido a profesionais que traballan nas distintas Unidades e Servizos que tratan directamente a pacientes de Covid-19.
Na iniciativa colaboran fisioterapeutas de atención primaria e hospitalaria, aínda que nunha primeira fase os obradoiros estarán dirixidos ao persoal das unidades de críticos e de hospitalización que traballan de forma directa con doentes do coronavirus, que soportan unha importante carga de estrés e que poden presentar complicacións musculares por ese motivo.
Na preparación e execución dos exercicios participan o coordinador de Fisioterapia e Terapia Ocupacional do Chuvi, Antonio Chamorro, e a fisioterapeuta de Atención Primaria Araceli Salgueiro. “O programa persegue o obxectivo de ensinarlles aos profesionais exercicios e ferramentas de descarga muscular, activación da osixenación e nutrición muscular, recuperación de rangos normais nas articulacións, e alivio do estrés”, explica Antonio Chamorro.
Cada sesión ten unha hora de duración na que os profesionais participantes realizarán un quentamento previo, activación muscular, estiramentos e técnicas de relaxación. Todo isto se desenvolve nunha das aulas de Fisioterapia do Álvaro Cunqueiro.
Seis profesionais por sesión
A planificación inicial contempla catro sesións diarias en horario de mañá. En cada unha participarán un máximo de seis profesionais, para evitar contactos persoais entre eles, e a fisioterapeuta. Con todo, o horario de cada un dos grupos adaptarase ás necesidades dos distintos servizos hospitalarios nos que traballen os asistentes. Tras a sesión de cada grupo haberá media hora sen actividade, a fin de poder limpar e desinfectar o material que se empregue.
“En definitiva, trátase dun exercicio terapéutico presencial para o persoal hospitalario con sobrecarga de traballo que pretende aliviar as sobrecargas musculares e favorecer o descanso e a recuperación”, subliña Antonio Chamorro, que matiza: “Ademais da sesión presencial, pretendemos que os profesionais aprendan esta serie de exercicios para que logo poidan realizalos nos seus domicilios ao terminar as súas quendas de traballo e que poidan consultarnos calquera dúbida”.