Ante as numerosas mostras de agradecemento aos profesionais da sanidade que a cidadanía ten expresado durante esta pandemia sanitaria, o Sergas decidiu facilitar estas expresións de gratitude e recoñecemento distribuíndo diverso material para esta finalidade. Así, nos últimos días creáronse nos centros sanitarios da área sanitaria de Vigo os chamados ‘Espazos de agradecemento’. A xerencia instalou 11 urnas e 14 paneis expositores, xunto aos que se facilitan ‘post-it’ para que a cidadanía escriba directamente unha mensaxe. Tamén se habilitou un enderezo de correo electrónico: grazasxtanto.vigo@sergas.es. Ademais, nas unidades de hospitalización de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro puxéronse follas para que as persoas ingresadas poidan facer debuxos de agradecemento.
Esta acción se enmarca no ‘Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na pandemia da Covid-19’, e dentro da liña de intervención relacionada co recoñecemento do labor do persoal da sanidade por parte da poboación. Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer un recoñecemento explícito ao persoal e dar unha resposta unificada en todas as áreas sanitarias, para previr e minimizar as repercusións sobre a saúde e o benestar emocional dos profesionais que traballan nas institucións sanitarias do Sergas durante a crise sanitaria.
A pandemia creou unha situación imprevista e excepcional para toda a sociedade a escala mundial con repercusións en moitas esferas da vida, entre elas as de carácter psicosocial. O persoal do Sergas é susceptible de padecer todos os efectos adversos que a poboación xeral sufriu como consecuencia da crise, pero ademais exponse a factores de risco psicosocial específicos derivados das condicións de traballo subxacentes ao contexto de crise sanitaria. Por este motivo, e desde unha perspectiva integral da saúde, fíxose imprescindible adoptar medidas específicas para o apoio e atención de todo o persoal que desenvolve o seu labor na sanidade pública de Galicia, dando o mellor de si mesmos.