A área sanitaria de Vigo está a efectuar de xeito simultáneo o cribado mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda a varios colectivos profesionais para determinar as posibles infeccións por Covid-19. Este xoves iniciouse a realización destas probas aos 885 traballadores das escolas infantís da área, que veñen a sumarse aos 7.500 docentes que xa comezaron onte a ser testados.
Ademais, tamén se puxeron en marcha os test aos xornaleiros da vendima, un total de 500 persoas. O obxectivo destas iniciativas é procurar un inicio de curso e de campaña da recollida de uva con garantías.
Neste senso, a finalidade é ter cribado a estes colectivos nos próximos 15 días. Para isto foi necesario habilitar, ademais do dispositivo do Meixoeiro, outro punto máis de toma e análises de mostras no hospital Álvaro Cunqueiro coa finalidade de procesar 700 test diarios entre os dous dispositivos.
Ás persoas ás que se lles vai a realizar a proba se lles facilitará unha cita a través do teléfono ou SMS, na que se lles indicará o lugar, dia e hora da toma da mostra.
A extracción consiste nun proceso sinxelo, que se efectúa mediante punción capilar, no que se extrae unha pinga de sangue do dedo e o resultado da mostra pódese coñecer en aproximadamente dez minutos. Se o resultado fose positivo se activará o protocolo establecido, e se realizarán outras probas diagnósticas diferentes.
Os test de dobre banda permiten detectar posibles positivos pero tamén coñecer cales son os positivos activos e cales son os que están inmunizados. Estas probas serven para aumentar a cantidade de casos detectados e aumentan o abanico de diagnóstico, polo que teñen gran utilidade xa que permiten diferenciar entre infección aguda, máis avanzada ou curada.
Esta clase de proba diagnóstica foi a completada no seu momento para o cribado do persoal do Sergas. Posteriormente, realizouse no persoal de servizos, no persoal de protección e extinción de incendios, no servizo de gardacostas ou no das oficinas de farmacia. Precisamente este mércores remataron as realizadas a este ultimo colectivo. Foron testados un millar de traballadores das farmacias da área de Vigo.