Un informe recente da Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que os primeiros resultados co uso de plasma de convalecente suxiren que sería unha modalidade de tratamento útil para combater o coronavirus. Neste contexto, o Ministerio de Sanidad vén de autorizar o inicio de contactos con pacientes que tras superar a o Covid-19 puideran ser candidatos á doazón de plasma a través dos servizos hospitalarios de Hematoloxía.
Así, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) iniciará nos próximos dias a selección de posibles doadores no marco dunha serie de recomendacións sobre os criterios mínimos de seguridade e calidade que se deben cumprir para a obtención de plasma de doador convalecente, e baseadas nas seguintes premisas: a seguridade do doador, a seguridade do persoal sanitario involucrado no proceso e a seguridade e calidade do produto obtido.
Os pacientes que xa estiveron contaxiados polo Covid-19 presentan inmunidade contra este virus. Dispor do plasma destes pacientes permitirá a súa administración a pacientes coa enfermidade en activo para axudarlles na súa recuperación.
Segundo afirma a xefa do servizo de Hematoloxía do Chuvi, Carmen Albo, “tense constatada a eficacia deste tratamento noutro tipo de pandemias producidas por virus como o coronavirus SARS ou o ébola”. “Por isto, estamos moi ilusionados e esperanzados en que esta nova terapia resulte eficaz e nos permita dispor dunha nova arma na loita contra esta pandemia”, engade.
Polo de agora, o servizo de Hematoloxía, en colaboración co Servizo de Microbioloxía, está en fase de selección dos pacientes que venceron esta enfermidade e teñen altas taxas de anticorpos xerados fronte ao virus. Este proceso requirirá, para o seu procesado, da colaboración tamén da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS).