“Estamos desenvolvendo un proxecto pioneiro en España que marcará un punto de inflexión na capacidade diagnóstica da sanidade pública galega fronte ao Covid-19, que nos permitirá garantir áreas libres de virus circulante, e nos dotará, por tanto, dunha nova arma para seguir avanzando na loita contra este virus”. Con estas palabras resumiu o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, a iniciativa que se está levando a cabo no hospital Álvaro Cunqueiro, nun encontro cos medios de comunicación a través de videoconferencia.
Nesta comparecencia, o xerente -que estivo acompañado polo xefe do servizo de Microbioloxía, Benito Regueiro-, informou dos detalles do sistema para o procesamento agrupado de mostras PCR na detección de coronavirusSARS-CoV2, que xa fóra anunciado polo presidente da Xunta de Galicia o pasado xoves.
Os laboratorios do servizo de Microbioloxía do Chuvi veñen de probar con éxito este sistema, e están a desenvolver un proxecto que permitirá ampliar de xeito moi significativo a súa capacidade actual. Este plan conta coa participación da Escola de Enxeñaría de Universidade de Vigo.
Trátase da posta en marcha por primeira vez en España dunha técnica coñecida como ‘pooling’, que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns, multiplicando a capacidade de avaliación actual.
“Consiste en agrupar as mostras de diferentes persoas e procesalas xuntas, como se fosen as de un solo individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, se infire que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se habería aforrado o tempo e capacidade que require o estudo individual de cada unha das mostras orixinais. Polo tanto, este sistema resulta de grande utilidade e eficiencia nas contornas con maior probabilidade de que os resultados sexan negativos, como sucede na actual fase de desescalada”, explicou o doutor Regueiro.
Se, pola contra, o resultado global é positivo, tense que separar as mostras para volvelas a procesar, ou ben dividendo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.
No servizo de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo procésanse cada día unhas 1.400 probas, utilizando distintos equipos, con distintas capacidades e velocidades de resposta. Así, lévanse realizadas máis de 45.000 PCR, entre elas a maioría das tomadas nas residencias Socio-sanitarias da comunidade galega.
Segundo explicou Benito Regueiro “os sistemas de testado por grupos foron utilizados por primeira vez no exército americano para o diagnóstico da sífilis; e este agrupamento de mostras para RT-PCR xa ten demostrado a súa efectividade en estudos de cribado de VIH, Chlamydia, Malaria, Influenza etc. No momento actual tamén tense proposto a utilización de grandes ‘pools’ de mostras para a detección de Covid-19 en Nebraska (USA) e Israel”.
Áreas estratéxicas libres de virus circulante
Pola súa banda, García Comesaña reiterou que o obxecto final da posta en marcha desta técnica de agrupamento é “ademais de permitirnos identificar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade, garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante e dispoñer de sensibilidade e capacidade analítica para unha detección precoz da infección emerxente nestas zonas”.
En canto aos obxectivos concretos deste proxecto, o xerente subliñou dous: identificar individuos infectados en poboacións sas –permite a detección de portadores asintomáticos de forma rápida e económica- e clasificar ás poboacións segundo a súa prevalencia -de baixa (1%) ou elevada prevalencia (5%)-. Polo tanto, esta clasificación facilitará obter uns datos reais fundamentais para adoptar as medidas adecuadas de Saúde pública nos clústeres con elevado índice de contaxios .
Resultará de gran eficacia para testar a grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais.
Estudo preliminar exitoso
O servizo de Microbioloxía xa ten realizado un estudo preliminar con mostras agrupadas. Desenvolveuse unha proba de concepto incorporando un robot que permite agrupar ata 128 mostras. Con este equipamento, sumado ao habitual do servizo, tense procesado
mostras de máis de 8.000 persoas, agrupados con distintos niveles de prevalencia. Os resultados foron moi satisfactorios e, de feito, están sendo completados para ser publicados nunha revista científica nos próximos días.
“Animados por estes resultados –argumentou Benito Regueiro- decidimos dar un salto cuantitativo e cualitativo, e deseñamos o equipamento necesario para pasar a unha fase de produción, composto por un robot de grandes dimensións e capacidade de agrupamento, e sistemas en cadea de extracción. Esta nova estrutura é a que vainos permitir por en marcha, de xeito industrializado, a técnica de agrupamento o ‘pooling’ e multiplicar por 20 a nosa capacidade”.
Para a incorporación deste equipamento adicional cóntase coa colaboración da Fundación Amancio Ortega, que considerou que este proxecto contribúe á incorporación de tecnoloxía de vangarda ao sistema público de saúde e encaixa no seu programa de loita contra o Covid-19. A axuda concedida pola Fundación ascende a 175.000 euros e permite cubrir o coste total desta iniciativa.