O Concello de Vigo porá en marcha este 27 de marzo a web confinarteconcultura.vigo.org, unha plataforma que xa está creada e que a partir deste venres reunirá nun mesmo espazo todas as iniciativas que están a desenvolver os artistas locais desde o seu confinamento.
Nestes días a cidade asistiu a situacións de todo tipo: cantantes que actúan desde as súas casas e que se poden seguir a través de distintos canais online, artistas que amosan as súas disciplinas desde os seus balcóns, escritores e escritoras que recitan os seus poemas nas súas redes sociais, actores e actrices que colgan as súas pezas en distintas webs… Por iso, os e as artistas profesionais de Vigo poderán propoñer vídeos nos que amosen as súas expresións no confinamento.
Tratarase de vídeos curtos, que deberán estar gravados en formato horizontal, cun peso máximo de 500 MB e unha duración máxima de 5 minutos. Poderán enviarse vídeos nos que se amosen diferentes disciplinas da arte e a cultura: música, teatro, danza, artes plásticas, fotografía, etc., pero terán que ser pezas gravadas no seu confinamento, vídeos caseiros gravados exclusivamente neste momento e con este fin.
A iniciativa pretende cumprir tres obxectivos. En primeiro lugar, ‘confinar’ nunha mesma plataforma todas as iniciativas que estamos a ver estes días nas redes de artistas de Vigo, en segundo lugar, difundir a creatividade destes artistas desde o seu confinamento e, por último, ofrecer á cidadanía a oportunidade de ter acceso a contidos exclusivos gravados unicamente para este fin. Serán pezas artísticas únicas que o público terá a oportunidade de ver en primicia.